O músico e escritor Jorge Cervantes, Cervan, natural de O Carballiño, presentará o vindeiro domingo, 26 de outubro, o espectáculo “Peli de zombies en si bemol”, unha proposta que mestura música en directo, vídeo e narración para contar unha historia de amor e loucura nun contexto apocalíptico. A presentación terá lugar no Casino Cultural e Recreativo da vila do Arenteiro, ás 18,30 horas, con entrada gratuíta para os socios da entidade e un prezo de 5€ para o público en xeral.
Baseado na súa novela homónima, o show combina cancións que funcionan como capítulos, proxeccións sincronizadas cunha voz en off narrativa e unha posta en escena que alterna entre o íntimo e o cinematográfico. Cervan interpreta en solitario piano, guitarras, loopers e bases, acadando a intensidade dunha banda completa.
“Quixen crear unha experiencia total, onde o público non só escoite, senón que sinta que está dentro da historia”, explica Cervan. E engade que “é un espectáculo pensado para os teatros, auditorios e salas que buscan algo diferente, que une literatura, música e imaxe.”
O proxecto, que se estrea oficialmente no Casino do Carballiño, está pensado para programarse durante todo o ano, aínda que conecta especialmente co público na tempada de Samaín/Halloween.
Cervan conta cunha edición especial do libro, dispoñible unicamente nos concertos, e adianta que a xira incluirá próximas datas en outras localidades galegas.