Centos de persoas traballadoras volveron mobilizarse hoxe para reclamar condicións dignas. Este xoves ten lugar o último día de paro por agora
Ourense, 29 de outubro de 2025
O sector do siderometal da provincia de Ourense viviu hoxe a segunda xornada de folga das tres convocadas no mes de novembro para reclamar un convenio colectivo digno, tras o fracaso das negociacións mantidas coa patronal o luns. Centos de persoas traballadoras percorreron as rúas da cidade en defensa das súas condicións laborais, mobilizacións que repetirán mañá coincidindo co último día de paro previsto por agora.
OS MELLORES ESTABLECEMENTOS



Con anterioridade xa se levaran a cabo dúas xornadas de folga o 15 e o 16 de setembro e numerosas mobilizacións promovidas pola CIG e a UGT, mentres que CCOO optou por desmarcarse. Tras o éxito das convocatorias o empresariado decidiu convocar a mesa de negociación o luns ás 12:00 horas nun intento de parar a folga, pero tras sete horas de xuntanza accedeu unicamente a incrementar a suba salarial en dous puntos.
A anterior proposta incluía un convenio de tres anos, cun incremento salarial do 3,5% en 2025 e do 2% en 2026 e 2027, máis un plus de asistencia efectiva de 2,5 euros en 2026 e de 3,5 euros en 2027 que neste último encontro a patronal se amosou disposta a eliminar até 2027. Agora propuxo unha suba do 3,5% para este ano, con carácter retroactivo dende xaneiro, e do 3% en 2026 e 2027, cun plus de asistencia efectiva de 2,5 euros nese último ano.
A cláusula de revisión salarial, que agora está no 9,5%, executaríase ao remate do convenio e estaría topado nun 3% no caso de que o IPC supere esa cantidade. A parte social trasladou que podería aceptar esta suba salarial, pero cunha cláusula de revisión anual que garanta o poder adquisitivo. “Pero neste punto pecháronse en banda, ao igual que a reducir a xornada”, tal e como sinala o secretario comarcal da CIG-Industria de Ourense, Indalecio Gómez.
O responsábel sindical explicou que diante disto consideraron insuficiente a proposta e apostaron por seguir adiante coa folga. Con todo, salientou que na xuntanza houbo afán negociador polas dúas partes, “algo que valoramos positivamente dende as centrais”.
















