O salón de plenos da Casa do Concello do Carballiño acolleu esta mañá a recepción ao grupo de estudantes e profesoras de Eslovaquia que estes días realiza un intercambio co IES Chamoso Lamas. O tenente alcalde, José Castro, e a concelleira de Educación, Lorena Castro, conversaron co alumnado e puxeron en valor este tipo de proxectos educativos internacionais.
O director do IES Chamoso Lamas, Aurelio Rodríguez, tamén presente na recepción, deu conta do proxecto de internacionalización do centro educativo, que leva 15 anos recibindo alumnado estranxeiro de ciclos.
O tenente alcalde e a concelleira de Educación agasallaron aos visitantes cun libro sobre Pepa A Loba e desexáronlles unha agradable estancia no Carballiño. O grupo, formado por cinco alumnos e alumnas de Comercio Internacional e dúas profesoras, poderá coñecer a riqueza patrimonial, gastronómica e paisaxística do municipio, así como as empresas locais e as oportunidades laborais da comarca.

















