O próximo venres (día 28) as 20:30 h no Auditorio Manuel María: Entrega de premios da XIV Edición dos Premios Arenteira

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

GALARDOADOS DA XIV EDICIÓN (ANO 2025)

CULTURA E INVESTIGACIÓN

-NOVOCINE DE LEIRO

Empresa dedicada á exhibición e difusión de cine que conta cunha fonda tradición e aprecio nas comarcas do Ribeiro e O Carballiño. O seu propietario e promotor, Enesto Romero, funda este emblema cinematográfico nos anos 80, anos nos que a industria de proxección está en franca crise en todo Europa e vive peches masivos das salas. Profesional coñecido e recoñecido no mundo da proxección ó longo dunha dilatada carreira en diversas salas da cidade de Vigo, decide regresar á súa terra con novas e atrevidas propostas nun decadente e cambiante modelo do mundo do cine tradicional.

El, xa instalado en Leiro quere teimar no seu utópico afán por mantelo vivo, e non só o consegue senón que convértese en pioneiro no cine dixital e 3D na provincia de Ourense e un dos primeiros en Galicia. O seu amor por esta arte lévao incluso a hipotecarse ó límite das súas posibilidade económicas por lograr este soño e poder mantelo ergueito nunhas comarcas nas que chegaron, nun tempo, a funcionar media ducia de salas de proxección. Dende o seu inicio leva unha acertada política de manter prezos populares e cine de estrea, facendo posible que as xentes rescaten do seu recordo o espírito que durante tantas décadas guiou á sociedade amante do cine. Parello, crea, un pequeno pero ilustrativo Museo do audiovisual dentro da propia sala, sendo esta a única con programación estable que se mantén na actualidade dentro das dúas comarcas malia ó mundo cambiante nas tecnoloxías e nos gustos cinematográficos.

DEPORTE

-ESCOLA MADOKOAN

É este un equipo e escola nacidos ó abeiro do veterano Ximnasio do mesmo nome situado na vila do Carballiño. O seu propietario e director e alma mater, Claudio Mateo, vén desenvolvendo un importante proxecto no papel formativo e competitivo dende hai máis de 30 anos, cunha intensa actividade docente con cativos baseada na disciplina, o esforzo e o compañeirismo na que é un referente a nivel galego, pasando polas súas instalacións e ensino impartido, deportistas situados na elite competitiva pero, tamén, doutras moitas persoas xa en idade fóra da esforzada competición do hapkido, kick boxing e outros artes marciais, dando como resultado a consecución de diversos campionatos e premios individuais e colectivos a nivel galego e español.

Ó tempo, tamén nas súas instalacións hai espazo pra outras moitas modalidades deportivas que axuden a manter o espírito da mens sana in corpore sano, con

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

actividades relacionadas coa ximnasia, mantemento e lecer nuns tempos nos que a actividade deportiva forma unha parte importante da actividade diaria de moitas persoa.

Este equipo é unha escola de valores físicos e humanos que fala das posibilidades e resultados dun traballo ben feito que, a fin, serven pra unha mellor formación integral do ser humano e o proveito persoal e social.

PÓSTUMO

-ANTONIO REY CORNIDE.

Home chegado ó Carballiño pola súa profesión ligada ó mundo da banca e vila onde axiña se integrou, tanto no seu traballo cotián como na vida cultural. Poderiamos afirmar que foi un home cunha vida entregada á música, reflectida nunha longa traxectoria vencellada, especialmente, co mundo da cultura musical carballiñesa e galega e co fomento da mesma, lugar a onde chegara hai máis de catro décadas, sendo un valioso axente activo como integrante da Coral Polifónica do Casino e, a posteriori, Presidente da mesma.

Foi tamén Presidente da Federación Coral de Galicia, membro do grupo de teatro Tiruleque do Carballiño, fundador e director do Coro de Cámara Música Viva, do Carballiño e membro da Coral Polifónica de Agolada (Pontevedra). Este continuo labro desenvolvido, levouno ó recoñecemento de cando, nun solemne acto celebrado na Coruña, foille imposta pola Real Academia Galega de Belas Artes “Nosa Señora do Rosario”, a insignia de prata “Marcial del Adalid” pola súa constancia no eido musical.

Malia á súa enfermidade, seguiu activo mentres a súa xa decaída saúde llo permitiu. Valedor convencido do papel das tradicionais corais dentro do espectro cultural galego, Antonio Rey, reivindicou sempre ese rol e a necesidade de potenciar aínda máis esa importancia.

SUPERACIÓN NO ÁMBITO DA EDUCACIÓN

-ICÍA NOGUEIRA CRESPO

Este galardón, o de máis recente creación, foi concibido pola Organización deste Galardón da Arenteira pra premiar a aqueles alumnos e alumnas da ESO, Ciclos formativos da Formación profesional e Bacharelato que, ademais da súa normal actividade como alumnos dos diversos centros educativos das comarcas do Ribeiro e do Carballiño, sofren atrancos na vida cotiá que impídenlle o desenvolvemento normal das súas vidas e das dos seus achegados.

No caso que nos ocupa, temos en consideración a situación persoal e méritos desta alumna e sendo sabedores dun sobre esforzo de superación persoal que lle

supoñen na súa vida diaria os seus condicionantes físicos, polo que recibirá este dito Galardón Icía Nogueira Crespo, alumna de 2º da ESO no IES nº 1 do Carballiño que, coa súa situación médica e funcional, con infinitas limitacións, “convértese nun punto de partida desde o cal ela mesma, coa axuda da súa familia e do equipo educativo, constrúe día a día unha historia de vida marcada pola ilusión, a valentía e o compromiso coa aprendizaxe sempre cun sorriso”, tal e como se recolle literalmente nas palabras que o equipo directivo e compañeiros dela expresan e recoñecen.

OS MELLORES ESTABLECEMENTOS

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------