A D.O. Ribeiro recibiu esta semana á catadora Beth Willard, experta internacional en viños, en calidade de representante do Master of Wine Tim Atkin para preparar, por segundo ano consecutivo, un informe detallado con puntuacións sobre os viños de Galicia no marco dos Special Reports, publicacións periódicas que emiten sobre as distintas denominacións de orixe.
Durante o seu percorrido pola Denominación de Orixe máis antiga de Galicia, Beth coñeceu de primeira man 31 adegas e proxectos vitivinícolas, un 30% máis que o ano pasado, catando en total máis de 180 viños, brancos, tintos, de elaboracións especiais, como barrica ou lías, creados para a garda, monovarietales de Treixadura, Godello, Torrontés, Albariño, Caíño Longo, Sousón… ou coupages resultado de mestura de variedades de uva autóctonas, de diferentes colleitas que foron desde unha antiga 2013 ata a máis recente 2025 (aínda en depósito), apreciando así a boa evolución no tempo dos viños.



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
Concha Iglesias, presidenta do C.R.D.O. Ribeiro, conversou coa experta catadora durante a súa visita ao Consello Regulador e explica “o traballo desta recoñecida prescritora durante catro intensas xornadas de visitas, coa intención de visitar o maior número de adegas posibles e probar un gran número de viños, deixa patente que a nosa denominación de orixe e os seus viños suscitan gran interese a nivel internacional. O seu informe incrementará o coñecemento sobre os nosos viños, adegas, territorio, historia e variedades de uva na nivel global.”
Galicia, e en particular a rexión do Ribeiro, é unha zona de gran interese para Atkin e Willard. O obxectivo principal da visita de Beth é “poder elaborar por segundo ano consecutivo un informe detallado con puntuacións individuais do maior número de viños posible para que posteriormente poidan ser utilizadas polos produtores para promover os seus viños e lograr así unha maior proxección nos mercados internacionais”. Willard sinala que “este traballo mostrará a gran calidade dos viños da D.O. Ribeiro, tanto dos viños colleita 2024 xa embotellados como dos prometedores da última colleita, 2025, catados directamente de depósito, que manifestan fielmente o viñedo e o terruño propio do Ribeiro”
Beth Willard, ademais de colaborar con Tim Atkin MW, leva ligada a España desde hai máis de 15 anos, primeiro como compradora especializada e actualmente como xornalista e crítica de viños. Ademais, é copresidenta do concurso de viños de Reino Unido Decanter World Wine Awards, escritora na revista Decanter, e regularmente realiza presentacións e catas de viños españois.
As 31 adegas e proxectos vitivinícolas participantes nesta acción promocional: As Pegas, Antonio Míguez Amil, Mauro Estévez, Cuñas Davia, Pateiro Viños de Garda, El Paraugas, A Vilerma, Sanclodio, Cunqueiro, Alanís, Pazo de Casanova, O’Ventosela, Casal do Canteiro, Manuel Formigo, Parente García, Arco da Vella-Adega do Eladio, Ramón do Casar, Adega do Rexurdir, Coto de Gomariz, Viños de Encostas, D’Vagar, Adega do Moucho, Viña do Penedo, Tolo do Xisto, Pablo Vidal, Siah, Terra do Castelo, Adegas Galegas, Casar de Vide, Eduardo Bravo e Maleiga.
















