O Concello de Ribadavia vén de impulsar un investimento estratéxico no Servizo Municipal de Augas coa posta en marcha dun sistema avanzado de monitorización e telesupervisión das infraestruturas de abastecemento e saneamento, unha actuación chamada a transformar a xestión diaria da rede e a anticiparse a incidencias antes de que cheguen á veciñanza.
A iniciativa permitirá dar un salto cualitativo no control dunha infraestrutura extensa e complexa, cunha rede de máis de 128 quilómetros de conducións entre abastecemento e saneamento, distribuídas por todo o municipio.
No ámbito do abastecemento de auga potable, o proxecto contempla a instalación de sistemas de telesupervisión en 12 sectores da rede, xunto cun control activo das presións. Isto fará posible detectar fugas de maneira máis rápida, reducir as perdas de auga non rexistradas e mellorar a eficiencia hidráulica, ademais de reforzar o carácter preventivo do mantemento da rede.



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
En paralelo, a actuación esténdese tamén ao sistema de saneamento, coa incorporación de sistemas de monitorización continua nas seis estacións de bombeo de augas residuais (EBAR) e na Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR). Este control permanente permitirá anticiparse a posibles avarías, minimizar riscos ambientais e optimizar o proceso de depuración.
Así mesmo, vense de incluír na web municipal, www.ribadavia.gal, o acceso dispoñible para a consulta de toda a veciñanza; da situación en tempo real da ETAP: https://ribadavia.gal/etap-ribadavia/.
O Concello subliña que esta modernización non só busca mellorar a prestación do servizo, senón tamén adaptarse ás esixencias normativas actuais, recollidas nos Reais Decretos 3/2023 e 665/2023, que establecen novos criterios técnicos e de xestión para garantir a seguridade, a eficiencia e a sustentabilidade dos servizos de abastecemento e saneamento. Con este investimento, Ribadavia sitúase á cabeza en canto ao cumprimento da normativa e na modernización das súas infraestruturas hidráulicas.
















