Os deputados do Grupo Popular Juan Casares e Víctor Baladrón salientaron hoxe a importancia do servizo de Furgoteca prestado pola Xunta aos concellos de Ourense e Lugo que non contan con biblioteca como ferramenta de acceso aos servizos bibliotecarios e de cohesión territorial para a cidadanía que reside nestas localidades.
Acompañados do alcalde de Baltar, José Antonio Feijóo, Juan Casares e Víctor Baladrón visitaron a Furgoteca instalada neste concello ourensán na que os veciños poden acceder a servizos diversos, como préstamo de libros, revistas e outros materiais, asesoramento e recomendacións de lectura; formación, acompañamento e resolución de dúbidas no eido dixital; e organización de actividades culturais.



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
En concreto, na provincia de Ourense, están operativas dúas Furgotecas: unha para toda a área de Ourense-Sur, que cubre os concellos de Baltar, Os Blancos, Calvos de Randín, Castrelo de Val, Cualedro, A Gudiña, Laza, Oímbra, Trasmiras e Vilardevós; e outra para a zona de Ourense-Occidental, que visita as localidades de Lobeira, Muíños, Padrenda, Porqueira, Quintela de Leirado, Rairiz de Veiga, Ramirás, Sandiás, Sarreaus e Verea.
A Furgoteca achégase a cada un destes concellos dúas veces ao mes, con dúas rutas que poden ser consultadas na páxina web https://bibliotecas.xunta.gal/es/furgoteca, nos lugares de información habituais de cada concello ou a través das redes sociais.
“Este servizo representa un recurso que vai máis alá do cultural para transformarse nunha ferramenta social que favorece o desenvolvemento persoal, a aprendizaxe e a creatividade”, sinalou o deputado Víctor Baladrón.
Pola súa banda, Juan Casares destacou que “estamos ante unha ferramenta correctora dunha realidade estrutural de desequilibrio no acceso a un servizo básico no interior da provincia de Ourense, un recurso que, ao mesmo tempo que emenda ese déficit, cohesiona culturalmente o territorio ourensán”.

















