Máis dun cento de alumnos e alumnas de 4º de Educación Primaria dos colexios Calvo Sotelo, Sagrado Corazón e Vila do Arenteiro desfrutarán mañá da peza “A Bibilioteca Galáctica contra a IA Fantástica” da compañía Tanxarina Teatro. Trátase dunha obra de monicreques baseada no libro homónimo de Carlos Labraña e protagonizada por algúns dos personaxes máis senlleiros da literatura galega infantil.
A actividade, impulsada polo departamento de Normalización Lingüística do Concello do Carballiño, ten como obxectivo fomentar a lectura en galego entre as novas xeracións. Nesa liña, o servizo municipal repartiu en decembro, como agasallo de Nadal, o libro de Carlos Labraña entre o alumnado de 4º de Primaria dos tres colexios. “Parte do alumnado levouno a casa como lectura para as vacacións de Nadal, e outra parte está traballando co libro na aula”, destaca Lorena Castro, concelleira de Educación, que pon en valor este tipo de iniciativas lectoras en galego.
Agora, a rapazada terá a oportunidade de desfrutar enriba do escenario da divertida historia que xa coñece, protagonizada polo rato que coida da Biblioteca Galáctica, Ramón Lamote e Sara. As personaxes amosarán o valor da amizade e do traballo en equipo, ao tempo que reivindican a lectura e os libros. A cita é ás 12,00 horas no Auditorio do Carballiño.

















