Os traballos de mantemento do viaduto da autovía Dozón-Ourense (AG-53) sobre a autoestrada A-52 farán necesarias novas afeccións ao tráfico a partir deste vindeiro luns, día 19 de xaneiro, no marco dos traballos de renovación e mellora dos apoios do taboleiro sobre as pilas do viaduto, os cales requirirán o izado do taboleiro.
Trátase da segunda fase da intervención, na que se procederá ao izado do taboleiro do viaduto e á execución dos traballos de renovación e mellora de apoios do taboleiro sobre os capiteis das pilas. Durante esta actuación, cuxa duración se estima entre dous e catro días laborables, será necesario realizar o corte total da calzada e a habilitación do correspondente desvío está previsto para o vindeiro luns, día 19 de xaneiro.
Así, ambas as fases deberán repetirse para cada un dos cinco apoios do viaduto, polo que se estima que as obras remataran ao longo desta próxima primavera.
Segundo a planificación dos traballos, durante todo o período de execución dos traballos manterase cortado o carril da AG-53 entre o quilómetro 86,5 e a conexión da AG-53 coa A-52 e a OU-402, e estímase que cada 2 semanas producirase un corte de calzada de 3 a 4 días de duración cada un deles, para o que se habilitarán os correspondentes desvíos.
Durante a execución das obras, tanto na AG-53 como na AG-54 e no enlace de Maside dispoñerase da sinalización oportuna para orientar aos usuarios da vía a través do itinerario alternativo indicado.
Tramo cortado: https://maps.app.goo.gl/iC2LoMrVU9EXUyAL7
Percorridos alternativos:
Desde Santiago (AG-53): https://maps.app.goo.gl/VgW97jrwn7BVchy79
Desde O Carballiño (AG-54): https://maps.app.goo.gl/sRLgSyR293GwNe8x6
Este novo contrato da Xunta enmárcase no programa pioneiro da Xunta de inspección das vías e das obras de paso, para preservar a seguridade dos usuarios das infraestruturas viarias e alongar a vida útil con accións de conservación preventiva.

















