O Concello de Ribadavia aposta por un ‘Entroido 2026’ participativo e interxeracional

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

O Concello de Ribadavia presenta a programación oficial do Entroido 2026, que se desenvolverá entre os días 5 e 21 de febreiro, cun completo calendario de actividades pensadas para todos os públicos e que combina tradición, música, participación veciñal e propostas infantís.

Os festexos arrancarán o xoves 5 de febreiro coa celebración de Compadres, que estará acompañada pola charanga “Bandiños Band”, dando inicio a máis de dúas semanas de animación nas rúas da vila.

A programación continuará o xoves 12 de febreiro, coa comparsa e charanga do Conservatorio Profesional e da Escola Municipal, que percorrerán Ribadavia a partir das 16:30 horas.

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

O venres 13 de febreiro será unha xornada especialmente dedicada e protagonizada polo público escolar, con dous desfiles: o da Galiña Azul, acompañado pola charanga “Castro de Bello”, ás 10:30 horas, e o do C.E.I.P. Ribadavia, tamén coa mesma charanga, ás 11:30 horas. Ese mesmo día celebrarase a Festa de Comadres, con Doña Ana e “Sorcha”.


OS MELLORES ESTABLECEMENTOS


O domingo 15 de febreiro terá lugar un dos actos centrais do Entroido ribadaviense: o Desfile das Comparsas, coa participación de “Sorcha” e “Tabaleiros da Istoria”, que sairá dende o Instituto ata a Praza Maior ás 17:30 horas.

A programación continuará o luns 16 de febreiro cunha festa de disfraces infantil amenizada por DJ Tibu, que se celebrará no Club Artístico ás 16:30 horas. Xa pola noite, haberá baile de máscaras con “Louband”, de 23:30 a 01:30 horas, na rúa Progreso.

O martes 17 de febreiro celebrarase o tradicional Xantar Popular na Alameda, a partir das 14:00 horas. As entradas poderán adquirirse no Concello de Ribadavia ou a través do correo electrónico culturaribadavia@gmail.com, cun prezo de 25 euros para adultos e 14 euros para infantil ata 10 anos. A xornada contará tamén coa actuación de “Terapia Kids” para entreter aos máis novos.

O mércores 18 de febreiro terá lugar o simbólico Enterro da Sardiña, “no lugar de sempre e á hora de sempre”, como marca a tradición.

O Entroido 2026 pecharase en Ribadavia o sábado 21 de febreiro coa celebración do Sábado de Piñata, que contará coas actuacións de “Sorcha”, “Mekanika” e “Los Lunes al Sol”.

A concelleira de Cultura do Concello de Ribadavia, Yolanda Gómez, destacou que “con esta programación, pretendemos que o noso Entroido sexa unha vez máis o central da comarca do Ribeiro. A toda ela convidámola a participar e desfrutar destas datas”. Co mesmo obxectivo, Gómez subliñou ademais que “deseñamos unha programación ampla, pensada para todas as idades, na que conviven a tradición, a música e a participación das asociacións e da comunidade educativa para desfrute de todos e todas”.

Desde o Concello de Ribadavia anímase a toda a cidadanía e ás persoas visitantes a participar activamente nun Entroido que volverá encher as rúas da vila de cor, música e festa durante máis de dúas semanas.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------