A demanda de reservas para xantar o vindeiro 22 de febreiro no Carballiño o cocido na ‘Festa da Cachucha’ motivou a varios propietarios do sector da restauración do municipio a sumarse ao listado de establecementos que servirán este menú tradicional do Entroido. Así, aos restaurantes Derby, Esclavo, Mesón O Noso Lar, Pulpería Carral, O Pituxo, A Maquia, Pulpería O Carballiño, Las Cubanitas, Fuchela, Parrillada San Andrés, Asador Veracruz, Soldado, Parrillada Os Amigos, Ernesto Patio Bar, O Pendello, Casa María, Pulpería Ruzo, Mesón O Arrabaldo e Os Álamos, únense agora Bar La Última, Café Bar Ananás, Bohemian e Tapería A Comarca, que veñen de confirmar ao Concello do Carballiño a súa participación.
Dende a Concellería de Turismo anímase á poboación a realizar canto antes as súas reservas nos locais participantes, que tenden a estar completos semanas antes da festa. “O ano pasado superáronse as 2.500 reservas, e este ano a previsión é superalas”, asegura o concelleiro deste departamento municipal, Manuel Dacal.
Unha gran cita do ‘Domingo de Piñata’ que acada a súa 31ª edición e que cada ano convoca a centos de persoas procedentes non só de toda a provincia de Ourense senón tamén do resto de Galicia, para degustar carne cocida de porco e de tenreira ao caldeiro, acompañada por grelos ou couba, garabanzos, pan de Cea e viño do Ribeiro, auga, refrescos, postres típicos da época coma orellas e filloas, café e licores, con prezos que oscilan entre os 20 e os 40 euros.
Ademais de poñer en valor a gastronomía, a ‘XXXI Festa da Cachucha’ é unha xornada festiva que pon punto e final ao Entroido. Os diferentes restaurantes contarán con animación musical e charangas, e poboación e visitantes está convidada a participar cos seus mellores disfraces.

















