Textil Lonia rompe as negociacións por melloras laborais e a CIG urxe a súa reactivación

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

O cadro de persoal da empresa ourensá continúa coas mobilizacións

Ourense, 27 de xaneiro de 2026.

A CIG denuncia publicamente a actitude de Sociedad Textil Lonia (STL) no marco da negociación de melloras laborais por riba de convenio, logo de que a empresa ourensá remitise unha resposta por escrito á última contraproposta realizada pola parte social na que anuncia que a única alternativa que lle queda é “non seguir a negociar”.

Dende a central sindical lamentan que a pesar de que a contraproposta foi formulada tras un “importante sobreesforzo” para tentar achegar posturas e posibilitar un acordo, a dirección da compañía opta por romper de xeito unilateral a negociación colectiva, “o que confirma unha absoluta falta de vontade negociadora”.

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

De feito, lembran que Textil Lonia só aceptou constituír a mesa negociadora porque tiña enriba da mesa as primeiras convocatorias de folga na historia da empresa, “e mesmo así fíxoo a regañadentes e sen intención real de negociar”.


OS MELLORES ESTABLECEMENTOS


E salientan que a contraproposta trasladada pola parte social, aínda sen recoller a totalidade das reivindicacións iniciais do cadro de persoal, supón por primeira vez un “paso real e significativo” cara a un posible acordo. “A negativa da empresa a valorala ou a presentar unha alternativa confirma que a ruptura do diálogo responde exclusivamente á súa decisión”, censuran.

Lonxe de avanzar, a Textil Lonia opta por romper o diálogo e sinalar as persoas traballadoras, chegando incluso a criminalizar a mobilización sindical, acusándoas de empregar “elementos de presión” como a presenza nos medios de comunicación ou as concentracións diante das tendas. A CIG lembra que a mobilización, a folga e a visibilización pública dos conflitos laborais son dereitos fundamentais e non poden ser utilizados como coartada para bloquear unha negociación.

“Resulta cada vez máis evidente que non estamos ante un conflito económico, xa que a empresa ten capacidade suficiente para asumir melloras laborais. O que non acepta é un cadro de persoal organizado que, tras anos de precariedade e silencio imposto, decidiu alzar a voz e reclamar dignidade”.

A CIG reitera que as condicións laborais das traballadoras de STL non poden equipararse ás doutras compañías do sector, debido ao alto nivel de esixencia, responsabilidade e esforzo que implica a actividade diaria nunha empresa que xera luxo e beneficios.

“A día de hoxe, a sociedade xa coñece a realidade que se esconde no interior das paredes de formigón desta fábrica, unha realidade silenciada durante anos. De Textil Lonia depende agora pechar esta ferida e contribuír a que a sociedade a esqueza, acadando un acordo que recoñeza o traballo e o esforzo do seu persoal, ou, pola contra, quedar marcada para sempre como unha empresa que basea o seu luxo na explotación e na negación dos dereitos laborais”.

Por todo isto, a CIG dende a central sindical a dirección de Textil Lonia a retomar de inmediato a negociación, abandonar o bloqueo e as ameazas e sentarse a negociar con seriedade e respecto, partindo da última contraproposta presentada pola parte social. “Mentres non exista unha negociación real, as mobilizacións continuarán, porque as traballadoras merecen salarios xustos e condicións laborais dignas”.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------