Espazo Común critica a substitución das farolas da Avenida do Balneario por outras que deixan a veciñanza ás escuras

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

O grupo municipal de Espazo Común pedirá por escrito ao Concello do Carballiño o acceso a toda a información relacionada coa instalación de novas farolas na Avenida do Balneario, ademais de demandar que se garanta á veciñanza da zona unha iluminación axeitada.

Esta formación política recolle así “as innumerables queixas recibidas polos afectados” pola retirada das farolas de forxa que adornaban as beirarrúas desta céntrica vía do casco urbano da vila e a súa substitución “por unhas que semellan de xoguete e que, o que é o pior, alumean moito menos”.

Unha incidencia que achacan á “estrana coalición de goberno PPSOE do Carballiño”, que, consideran, “segue a tomar decisións inexplicables, dilapidando diñeiro público para facer cousas que ninguén pedía e segue sen solucionar nen un só dos graves problemas que precisan accións urxentes”

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

OS MELLORES ESTABLECEMENTOS


Dende Espazo Común subliñan que esta é “unha rúa na que levan anos demandando solución ás gretas no asfalto, ás inundacións e agora tamén ao estropicio da estación de autobuses coa xente agardando á intemperie, e que ten que ver como o Concello decide gastar 48.000 euros para instalarlle un alumeado moito peor ca o que tiña”.

“Falamos da rúa máis ancha do casco urbán do Carballiño cunhas beirarrúas tamén moi amplas e que, agora, despois deste cambio, quedan en penumbra en moitos tramos”, apuntan, e engaden que “estéticamente, o cambio tampouco supuxo mellora algunha, pois as novas farolas apenas son postes estreitos que semellan pequenos garabullos enterrados ao longo da avenida”.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------