Os CCA recibirán 2,5 millóns de euros para reforzar a súa capacidade de dinamización das áreas nas que se integran

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe, cun importe de 2,5 M€, a orde destinada a impulsar as actividades dos centros comerciais abertos (CCA) da Comunidade, co obxectivo de reforzar a súa excelencia e a capacidade de dinamización das contornas nas que se integran. O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, vén de reunirse por videoconferencia con representantes destas entidades co gallo de darlles a coñecer a convocatoria, que afonda na simplificación administrativa e introduce novos criterios de valoración enfocándose na formación dos comerciantes, na fidelización da clientela e na capacidade de atraer novos establecementos asociados. Tamén novas actuacións subvencionables, como os servizos de ludoteca e espazos de lecer infantís.

Ademais, a orde volve apostar polo réxime de concorrencia competitiva, buscando primar a calidade e a excelencia das propostas de dinamización. Nesa liña, as asociacións mellor puntuadas poderán optar a axudas extraordinarias de ata 20.000 euros para a realización de actividades complementarias, coordinadas con concellos e outras entidades locais. Así mesmo, intégrase o requisito de empregar a nova marca do Comercio Galego, contribuíndo á visibilidade e recoñecemento do sector.


OS MELLORES ESTABLECEMENTOS

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

Detalles da convocatoria

Poderán concorrer a estas axudas as asociacións de comerciantes de carácter territorial e sen ánimo de lucro que, legalmente constituídas, desenvolvan proxectos de interese para revitalizar a actividade comercial nas súas localidades. Tanto no caso das sete grandes cidades como do resto dos concellos, estes centros deben contar cunha antigüidade mínima de tres anos, cunha xestión profesionalizada, delimitación territorial definida, diversidade de oferta comercial e, como mínimo, representar 50 negocios retallistas.

As axudas están dirixidas a apoiar a realización de actividades de dinamización comercial que teñan como obxectivo incentivar o consumo e atraer clientes, co fin de incrementar as vendas. Para optar ás achegas, as agrupacións deberán presentar a planificación e desenvolvemento dun mínimo de seis campañas que inclúan a participación directa dos comercios asociados e dos consumidores, así como a programación de accións formativas. Ademais poderán propoñer outras actuacións complementarias orientadas á fidelización e á mellora dos servizos para a clientela.

Os investimentos máximos subvencionables modúlanse en tres tramos, en función do número de comercios asociados: 65.000 euros no caso de que teñan 100 ou máis, 55.000 euros para os que teñan entre 70 e 99 e 40.000 euros para aqueles que se sitúen entre os 50 e os 69 negocios adheridos.

Pola súa parte, a intensidade das axudas poderá oscilar entre o 70 e o 90 %, segundo a puntuación acadada polas propostas presentadas, en cuxa valoración se terán en conta criterios como a disposición dun plan de comunicación, a capacidade da campaña para motivar a persoa consumidora ou captar clientela nova ou o seu carácter novidoso. Co obxectivo de primar a excelencia, do total do orzamento da convocatoria, resérvanse 100.000 euros para favorecer que as cinco mellores propostas accedan a un apoio adicional para a realización de actividades de dinamización extraordinarias que deben ser levadas a cabo en coordinación cos concellos e outras asociacións.

Cómpre engadir que o prazo de solicitude arranca mañá e prolongarase durante un mes, deica o próximo 12 de marzo.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------