Ribadavia conmemora o 8M ao longo de todo marzo cun amplo programa de actividades culturais e educativas

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

O Concello de Ribadavia ven de anunciar unha completa programación con motivo do Día Internacional da Muller (8M), que se desenvolverá ao longo de todo o mes de marzo cun conxunto de propostas dirixidas a diferentes públicos e idades. Cultura, sensibilización, formación e participación cidadá vertebran unha axenda que busca implicar á veciñanza na defensa da igualdade real e efectiva entre mulleres e homes.

A programación comezará o 6 de marzo coa presentación do libro “50 cartas a mi yo”, da autora Alba Moreira, nun acto que terá lugar ás 19,30 horas no salón de actos da Casa do Concello.

O 7 de marzo, o Museo do Viño de Galicia, na localidade de Santo André, acollerá ás 18,30 horas unha cata de viño conmemorativa do Día da Muller. As persoas interesadas poderán inscribirse entre o 23 e o 27 de febreiro a través do correo electrónico servizossociais@ribadavia.es.

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

OS MELLORES ESTABLECEMENTOS


O propio 8 de marzo, Ribadavia celebrará non só o “Día da Muller”, senón que aproveitará tamén para honrar unha das figuras femininas máis destacadas da historia galega celebrando o “Día de Rosalía”, na Casa da Cultura a partir das 12,30 horas. A xornada incluirá a representación teatral “Dende Rosalía”, da compañía Xanela do Maxín, así como a obra “Misterio Resolto!”, posta en escena polo alumnado da Aula de Teatro de Ribadavia.

Entre o 9 e o 13 de marzo, desenvolveranse obradoiros para a igualdade nos centros sociais de Franqueirán, Sampaio, San Cristovo, Ribadavia e Francelos, todos eles ás 16,00 horas.

O 14 de marzo, a Casa da Cultura acollerá ás 19,30 horas a estrea da curtametraxe “Muller en cadeira de rodas”, seguida dunha charla-coloquio co director, Xabier Bermúdez, e parte do elenco.

Do 16 ao 27 de marzo, o IES O Ribeiro será escenario da exposición e dos talleres interactivos “Chicas Nuevas 24 Horas”, dirixidos ao alumnado de 4º da ESO e 1º de Bacharelato.

O 20 de marzo, celebrarase un taller de escritura creativa ás 19,00 horas no local situado debaixo da Escola Infantil (Picuxa). As inscricións poderán formalizarse a través do correo electrónico omix.ribadavia@gmail.com.

No marco da programación do 8M, o Concello convoca unha nova edición do concurso escolar “Debuxa Igualdade 2026”, dirixido ao alumnado de Educación Primaria, co obxectivo de fomentar desde idades temperás valores de igualdade e respecto. A data máxima de presentación das obras no correspondente centro escolar será o 13 de marzo. Establécense tres categorías por cursos: 1º e 2º, 3º e 4º e 5º e 6º.

No reverso de cada debuxo deberá figurar o nome e apelidos do/a participante, a categoría na que concorre, así como o centro educativo e o curso no que está matriculado/a. Para cada categoría estableceranse dous premios: un primeiro premio dotado con 70 euros e un segundo premio de 30 euros. O fallo do xurado darase a coñecer o 17 de marzo. As obras seleccionadas estarán expostas na Casa da Cultura do 18 ao 31 de marzo, coincidindo coa celebración do mes da igualdade en Ribadavia.

Ao longo de todo o mes, Ribadavia converterase así nun espazo de encontro, reflexión e participación arredor da igualdade, implicando a centros educativos, asociacións e veciñanza nunha programación diversa que pon o foco nas mulleres e nos retos pendentes para avanzar como sociedade.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------