A banda carballiñesa Skadelos ven de anunciar o seu regreso ós escenarios tras case tres anos de parón. Fano cun proxecto renovado en formato banda, marcando o inicio dunha nova etapa na súa traxectoria: “Máis músicos, máis forza e máis festa ca nunca!” publicaba o grupo nas súas redes sociais.
Tras facer oficial o anuncio, Skadelos celebrou un primeiro concerto de presentación para a súa xente máis próxima, aquelas persoas que os acompañaron e apoiaron durante os longos meses de traballo. A banda destaca que foi “moi especial, unha acollida inmellorable”, e que serviu como impulso perfecto para arrancar esta nova etapa. Nos próximos días darán a coñecer as primeiras datas da xira 2026.
Esta nova etapa chega acompañada de novas incorporacións, todas do Carballiño, que reforzan o formato banda e lle dan un salto de potencia ao directo: Alberto á batería, Duni á guitarra, Gulías ao baixo, Willy á trompeta e Roi ao trombón.



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
Skadelos arranca unha nova xira mantendo a esencia que os caracteriza desde os seus inicios: unha mestura enérxica de pop‑rock, ska e rumba, acompañada de letras que falan de lembranzas, sentimentos, reflexións da vida e tamén de crítica social e defensa da cultura galega.
Durante a súa primeira etapa publicaron seis sinxelos e superaron as cincuenta mil reproducións nas plataformas dixitais, con temas destacados como “Marcho de Festi”, “Agora Quero” ou “Focos, Lumes Nunca Máis!”. Agora, a banda prepara o seu primeiro EP, previsto para finais de 2026, do que irán adiantando novos lanzamentos ao longo do ano.

















