A compañía teatral da Asociación de Discapacitados Intelectuais do Carballiño e o Ribeiro (Aspadisi) conqueríu un extraordinario éxito de público e crítica no seu debut coa estrea de “Romeo e Xulieta”, unha adaptación libre da obra de William Shakespeare.
Foi esta tarde, no Auditorio Manuel María da vila do Arenteiro, ante preto de 400 persoas ás que engaiolaron cunha magnífica posta en escea, onde a decoración e os vistosos atuendos de época quedaron solapados polo bó facer das actrices e actores de Aspadisi, que ofreceron un gran dominio nos diálogos, movementos e coreografía, froitos do traballo desenvolto por Chicho Carballido.

Con música de piano en directo e o apoio dun soporte audiovisual elaborado polo equipo do IES Chamoso Lamas, coordenado polo profesor Ricardo Paz, con imaxes da Serra da Martiñá, o casco urbano e un mesón do Carballiño, o elenco actoral, musical e técnico, integrado por un total de 16 compoñentes, converteu a traxedia do autor británico nunha comedia chea de chispeantes rimas onde o humor logro arrincar as risas, os aplausos e as ovacións dos asistentes á función.

















