Rodaxe de curtametraxe polo alumnado do Bacharelato de Artes do IES O Ribeiro

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

O alumnado de 1º de Bacharelato de Artes do IES O Ribeiro desenvolveu, entre o venres 10 e o luns 13 de abril, a rodaxe dunha curtametraxe documental nas rúas e no mercado de Ribadavia, no marco do proxecto Cinema en Curso.
Esta iniciativa, na que este ano tan só participan 4 centros de Galicia, está coordinada en Galicia pola Filmoteca de Galicia e AGADIC, da Xunta de Galicia, e permite ao alumnado traballar ao longo de todo o curso en obradoiros intensivos con cineastas profesionais. No noso caso, o cineasta profesional co que contamos neste curso é o director de cinema Sebastián Uría.
Durante estas xornadas de rodaxe, o alumnado participou activamente en todas as fases do proceso audiovisual, desde a gravación de imaxe e son ata a organización da produción, recollendo máis de 80 pezas de material audiovisual en diferentes localizacións, como o mercado, hortas, o río e o asilo da vila. A curtametraxe inspírase en referentes como Innisfree e afonda na relación coa contorna, coa migración, cos oficios tradicionais e a memoria das persoas maiores.
Este proxecto está coordinado no IES O Ribeiro polo profesorado do Bacharelato de Artes, César Tejada Cid e Gemma Rodríguez Fernández, contando coa implicación de todo o claustro.
O equipo de cineastas que están creando a curtametraxe documental está formado polo seguinte alumnado: Ariadna Cobelas Vázquez, Rocío Cubo Pírvida, Reinoa Ferradáns Álvarez, Andrea Martínez Pereira e Dylan Pérez Vidal.


OS MELLORES ESTABLECEMENTOS



Ademais do valor educativo da experiencia, destaca a influencia do propio Sebastián Uría, quen ao longo do curso transmitiu ao alumnado coñecementos técnicos e unha visión profesional do sector audiovisual. Estamos moi agradecidos pola súa implicación, tendo en conta que o director atópase na promoción da súa longametraxe Adiós Ríos, producido por Tamboura Films.
Tras a rodaxe, o alumnado inicia agora a fase de montaxe mediante obradoiros específicos, nos que tamén participará activamente no proceso de edición. O documental estrearase o 12 de xuño na Filmoteca de Galicia, na Coruña, e o 15 de xuño na Casa da Cultura de Ribadavia, nunha xornada festiva aberta á comunidade e a todas as persoas e institucións que a fixeron posible.
O proxecto conta co apoio do IES O Ribeiro, do Concello de Ribadavia, así como coa colaboración de numerosas persoas e entidades locais, e reforza o vínculo do alumnado artístico coa cultura e territorio máis próximos ademais de destacar a importancia das migracións na cultura local.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------