O BNG do Carballiño vén de denunciar o incumprimento por parte do goberno PP-PSOE da Lei 3/1983, do 15 de Xuño, de normalización lingüística de Galicia, lei que, entre os seus puntos, contén a base legal para a recuperación e fixación da toponimia galega. No seu artigo 10 establece que “os topónimos de Galiza terán como única forma oficial a galega”.
Para os nacionalistas, o actual goberno municipal “non dá tregua coa súa incompetencia e meteduras de zoca continuas, desta volta, coa ousadía de incumprir nin máis nin menos que coa lei de normalización lingüística no que ten a ver coa toponimia do noso concello. Vimos de asistir con sorpresa e o maior dos abraios como na marquesiña reciclada colocada na parada de autobús dos Catro Camiños, na rotulación desta aparecen deturpados tanto o topónimo do lugar como o do propio concello carballiñés coas formas Cuatro Caminos e Concello de Carballiño”.

Dende o BNG lembránlle tanto a PP coma a PSOE que dita lei obriga os poderes públicos a garantir o uso do galego, e que os topónimos teñen como única forma oficial a galega. Así, apuntan que “o lugar onde se sitúa a marquesiña chámase Catro Camiños ou mellor aínda
Rapariz, e así é coñecido por todas as veciñas e veciños, e o concello onde está este lugar chámase, tamén dende sempre O Carballiño, con artigo, tal e como ben recollido no Decreto 332/1996, do 26 de xullo onde se recolle o nomenclátor correspondente ás entidades de poboación da provincia de Ourense (DOG do 29.08.1996; BOE do 18.11.1998)”.



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
Engaden que “para coñecemento dos causantes deste erro-agardamos non intencionado- lembramos que os topónimos con artigo, ademais de mantelo, sexa cal for o idioma que se empregue, en galego deberán contraer como calquera outra palabra, tal e como se sinala
na Normas Ortográficas e Morfolóxicas da Lingua Galega”. “Máis alá de leis e decretos, dende o BNG pensan que a nosa obriga, tanto de
gobernantes como de galegas e galegos a título individual, é traballar por que non se perda a nosa lingua e toda a riqueza cultural asociada a ela. Entre esta riqueza milenaria están os topónimos e micro topónimos, gardadores da historia dos lugares e das xentes que neles
habitaron, topónimos, por suposto, como O Carballiño e Os Catro Camiños”.
Por tanto, dende o BNG esixen “ao goberno PP-PSOE que na maior brevidade corrixa este desprezo á nosa lingua rotulando correctamente a marquesiña, aproveitando para recomendarlle que faga o mesmo coa rotulación deturpada que, aínda a día de hoxe, segue a figurar nas estradas e rúas do noso concello”.

















