O PP solicita no Senado a inclusión da balneoterapia como tratamento terapéutico no Sistema Nacional de Saúde

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

Os senadores ourensáns do Partido Popular rexistraron unha moción dirixida á Comisión de Sanidade para solicitar a inclusión dos tratamentos terapéuticos de balneoterapia na carteira común de servizos do Sistema Nacional de Saúde (SNS). A iniciativa. impulsada polos senadores José Manuel Baltar, María del Carmen Leyte, Francisco José Fernández e Rosa María Sánchez Gándara, alén de Enrique Ruíz como portavoz de Sanidade do PP na Cámara alta e Alicia García en calidade de portavoz, defende os beneficios sanitarios, sociais e económicos do termalismo.

A proposta destaca que existe “evidencia científica suficiente” para xustificar esta petición. Entre as principais vantaxes sanitarias cítase a mellora da calidade de vida dos pacientes crónicos e pluripatológicos, coa posibilidade de reducir o uso de fármacos e os tempos de baixa ou incapacidade temporal, así como os custos derivados da atención recorrente en atención primaria e especializada, alén da prevención de doenzas e aspectos relacionados coa lonxevidade e o envellecemento saudable.


OS MELLORES ESTABLECEMENTOS

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

Xunto cos beneficios para a saúde pública, o Partido Popular subliña o impacto territorial desta medida. A inclusión da balneoterapia no SNS funcionaría como un motor económico para as zonas rurais e áreas afectadas polo reto demográfico, territorios onde habitualmente se sitúan os establecementos balnearios con auga termal.

A moción fai especial fincapé en que estas positivas consecuencias impulsarían o desenvolvemento de territorios como Ourense, a provincia de maior potencial termal de Europa e que ostenta o título de Capital Termal de Galicia, segundo un acordo adoptado de forma unánime polo Pleno do Parlamento de Galicia en maio de 2008. Explotar a potencialidade do termalismo supoñería innumerables beneficios económicos para a industria local e o benestar dos usuarios.

Os senadores advirten que España se atopa atrasada fronte aos seus socios europeos, situándose no grupo de países —xunto a Dinamarca, Estonia e Holanda— onde estes tratamentos non son reembolsados polo sistema de saúde. Pola contra, a balneoterapia xa forma parte do sistema de saúde en Francia, Alemaña, Italia e Portugal, e é reembolsada parcial ou totalmente en países como Hungría ou a República Checa.

Para levar a cabo esta medida, os senadores ourensáns piden que a Comisión de Sanidade insta ao Goberno central a que solicite un informe previo á Rede Española de Axencias de Avaliación de Tecnoloxías Sanitarias, co fin de que sinale as indicacións aprobadas para o seu uso con base na evidencia clínica, a seguridade e a eficiencia.

Finalmente, o PP resalta que esta inclusión permitiría aos balnearios españois recibir a pacientes doutros países europeos cuxos sistemas de saúde si contemplan estes tratamentos.

Con esta nova iniciativa, o PP reforza o seu liderado na defensa termalismo terapéutico como un recurso sanitario estratéxico, tal e como impulsou nunha moción aprobada na Deputación de Ourense e como está a defender na Sección de Vilas Termais da FEMP, así como en reunións de organizacións públicas como a EHTTA (European Historic Thermal Towns Association) ou trasladando este posicionamento a entidades privadas como a European Spas Association.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------