Hoxe ao mediodía celebrouse a entrega de premios da Cata Popular desta 63ª edición da Feira do Viño do Ribeiro, ao que asistiron a presidenta do Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeiro, Concha Iglesias Pousa; o alcalde de Ribadavia, César Fernández Gil, e o director da Axencia de Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles, entre outras autoridades.
Na categoría de viños brancos resultou galardoado co primeiro premio Ramón do Casar Treixadura 2025 de Ramón do Casar, S.L. e o viño Alberte 2025, de Adegas Nairoa, S.L., quedou en segundo posto, mentres que, na categoría de viños tintos, a distinción de mellor viño foi para o viño Cunqueiro 2025 de Adegas Cunqueiro, S.L. Doutra banda, recoñeceuse como ‘mellor catadora’ de viños brancos a M. Victoria Fernández Álvarez, de Vigo, Pontevedra; e, na categoría de ‘mellor catador’ de viños tintos premiouse a Xosé Manuel Rivas Fernández, veciño de Ourense. Estes galardóns outórganse a aqueles participantes que máis se aproximen aos resultados finais globais dos viños gañadores nas distintas categorías.
Na súa intervención, Concha Iglesias agradeceu a participación de todos os produtores presentes, apoiando ano a ano este evento promocional, así como o labor realizado por parte dos traballadores do Consello Regulador e do Concello de Ribadavia para levar a cabo esta nova edición. Aproveitou para felicitar a todos os gañadores da Cata Popular e animou aos asistentes para apurar a última xornada para degustar os seus viños, se non os probaron aínda.
O alcalde de Ribadavia, César Fernández, sumouse ás felicitacións aos gañadores da Cata Popular e tamén aos agradecementos, resaltando o gran traballo dos voluntarios, persoal incansable durante os tres días de feira, así como o saber estar de todos os visitantes que logran, edición tras edición, fixar este evento como unha cita indispensable no calendario vinícola anual de todos os winelovers.
A Cata Popular desenvolveuse durante as xornadas de venres e sábado na Igrexa da Madalena. Unha actividade xestionada polo Consello Regulador da D.O. Ribeiro que está dirixida ao público final, que é o que cata e premia os mellores viños da feira segundo o seu propio criterio. A totalidade das 21 marcas presentadas a concurso (14 viños brancos e sete viños tintos) foron valoradas por todos os participantes en cata a cegas, é dicir, sen coñecer a marca do viño que están a probar.

















