O Auditorio do Carballiño acolle un total de 17 exposicións nunha nova edición do ‘Arenteiro Fotográfico’

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

Un total de 17 exposicións individuais e colectivas, que reflicten unha ampla variedade de temáticas, puntos de vista, técnicas e olladas, integran a mostra dunha nova edición do Arenteiro Fotográfico, unha cita imprescindible e consolidada co mundo da imaxe a nivel provincial e galego que está promovida pola asociación O Potiños coa colaboración do Concello do Carballiño e a Deputación Provincial de Ourense.

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

A inauguración do evento tivo lugar esta tarde no Auditorio Manuel María da vila do Arenteiro, coa presenza do presidente do colectivo organizador, Manuel Blanco; a concelleira de Benestar Comunitario, Rosa Fuentes; a deputada provincial de Asuntos Sociais, Patricia Torres, e a xerente do Carballiño CCA, Noelia Mares, ademais dos diferentes autores da mostra. O acto contou coa animación musical de Alexandre Cabanelas e Sander Ulloa e tamén servíu para a entrega dos premios do Concurso de Fotografía Libre.

Ademais das exposicións, que poderán visitarse no Auditorio carballiñés ata finais de outubro, o Arenteiro Fotográfico 2026 inclúe unha masterclass co recoñecido fotógrafo Mario Cea. “Presentará o seu traballo e contará como realiza esas imaxes tan impresionantes de animais e da natureza”, tal e como apuntou Manuel Blanco. O encontro terá lugar na Casa da Cultura o día 19 de setembro ás 17,00 horas. Para participar é preciso inscribirse a través de info@potinos.com.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------