A Opinión de Mariña Arbor. En galego nacín, en galego vivo e en galego morrerei: En contra do pacto pola “igualdade”

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

Non teño forzas para escribir hoxe, doente de fibromialxia. mais non quero quedar calada ante o que hoxe é noticia: o “pacto” pola lingua e a “igualdade” entre galego e castelán:

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

1. Como ser humano: o galego é a miña lingua. nacín e crieime en galego, vivo, amo, sufro, choro, traballo, sorrío… en galego e o día do meu pasamento será en galego.

2. Como filóloga e estudosa: non hai igualdade posible entre dúas linguas. desde que o mundo é mundo, unha delas desaparece: desapareceron as linguas prelatinas na Península e desapareceron ou boquean outras descendentes do latín coma o galego ou o catalán: aragonés, leonés… a lingua que sobrevive (e que oprime e mata) é a lingua do estado, aquela que é apoiada polo aparato político e toda a entente dos grandes estados e polas elites (véxase Francia, onde as linguas diferentes daquela falada na corte converteu todas as demais en patois, ou vulgares dialectos, condenándoos á desaparición). O galego perdeu e perde falantes a ritmo frenético ante un castelán que conta con todo o apoio dos entes políticos e das elites económicas e demais adláteres do país.

3. a realidade: o tal pacto é unha pantomima, outra tanta a igualdade galego-catelán; o castelán está no bus, no bar, na tenda da esquina, no xulgado, no hospital, no colexio, nas filas “bien”. facer vida en galego é misión imposible para un galego hoxe, porque só os de sempre falamos galego, e os de sempre somos cada vez menos, fronte a todo o aparato político, medios de comunicación, visión do castelán como “a” lingua (mola, é cómodo, fano todos… son superior) que nos venden por activa e por pasiva. o galego debe ser defendido, apoiado, debe ser a lingua de todos, defendida, promovida, dignificada e presente, co impulso político, en todos os ámbitos da vida. é de obriga a inmersión lingüística no ensino e na sociedade en xeral. é de obriga parar a morte da lingua, que segue o seu paso inexorable con dobres linguaxes e silencios que alarman.

3. non será coa miña vontade tal pacto nin tal igualdade. non será no meu nome o exterminio da miña lingua e do meu pobo, o pobo galego.

En Galego, Sempre.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------