Tomámolo a peito: Ourense volve xogar contra o cancro de mama no VI Partido Benéfico

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

• O encontro disputarase o xoves 22 de outubro ás 19:00 horas no Campo Municipal de Oira
• A Asociación anima á cidadanía a mercar a súa entrada e encher as bancadas para apoiar a investigación contra o cancro de mama
• “Tomámolo a peito”, lema dunha campaña cocreada e protagonizada por pacientes e sobreviventes

Ourense, 06 de outubro de 2026.- O Campo Municipal de Oira converterase unha vez máis nun escenario de solidariedade coa celebración do VI Partido Benéfico contra o Cancro de Mama, unha iniciativa impulsada con motivo do Día Mundial contra o Cancro de Mama que terá lugar o vindeiro xoves 22 de outubro ás 19:00 horas.
Baixo o lema “Tomámolo a peito”, a campaña deste ano continúa dando voz ás persoas que viven ou conviviron co cancro de mama. Trátase dunha iniciativa cocreada e protagonizada por pacientes, sobreviventes e a súa contorna, que busca visibilizar a realidade da enfermidade máis aló dos tratamentos e das estatísticas, mostrando o impacto físico, emocional e social que ten nas súas vidas.
Sobre o terreo de xogo enfrontaranse os equipos da Escola de Fútbol Feminino Rosalía e Mulleres de Ourense, nun encontro que volverá simbolizar o compromiso da sociedade ourensá coa loita contra o cancro de mama.
Nesta sexta edición, a Asociación fai un chamamento á participación de toda a cidadanía, animando ás veciñas e veciños da provincia a adquirir a súa entrada e converter a súa asistencia nun xesto de apoio ás miles de persoas afectadas por esta enfermidade.
Cada entrada vendida representa un paso máis na investigación, a ferramenta máis eficaz para continuar mellorando a prevención, o diagnóstico precoz, os tratamentos e a supervivencia das pacientes. O obxectivo é volver encher as bancadas de Oira e demostrar que Ourense segue comprometida coa loita contra o cancro.
As entradas teñen un prezo solidario de 5 euros e estarán dispoñibles ata esgotar as 1.000 localidades postas á venda. Ademais, todas aquelas persoas que non poidan asistir terán a posibilidade de colaborar a través da fila cero, contribuíndo igualmente á investigación.
Durante o descanso do partido celebraranse diversos sorteos grazas á colaboración de empresas e entidades da provincia, que achegaron agasallos e experiencias para facer desta xornada unha verdadeira festa solidaria.
O encontro poderá seguirse tamén a través da canle de YouTube da EFF Rosalía, facilitando a participación de todas aquelas persoas que non poidan desprazarse ata o campo.
Puntos de venda das entradas
As entradas para o VI Partido Benéfico poden adquirirse nos seguintes puntos:
 Sede provincial da Asociación Española Contra o Cancro en Ourense (rúa Doutor Marañón, 21-baixo).
 Oficina da Asociación no CHUO (Hospital Santa María Nai de Ourense).
 Sede da EFF Rosalía .
 Cafetería Pabellón (avda. Pardo de Cela, s/n).
 Oficinas e representantes dos grupos municipais.
Tamén está habilitada a fila cero a través da conta de ABANCA: ES68 2080 0475 5630 4000 0077
Un partido para sumar forzas fronte ao cancro
A celebración deste encontro constitúe xa unha cita consolidada no calendario solidario da cidade. Máis aló do resultado deportivo, o partido busca reunir a institucións, empresas, entidades colaboradoras e cidadanía arredor dun mesmo obxectivo: impulsar a investigación contra o cancro de mama e mostrar apoio ás persoas afectadas e ás súas familias.
Desde a Asociación Española Contra o Cancro en Ourense quérese facer un chamamento especial á sociedade para que non deixe pasar a oportunidade de colaborar, lembrando que detrás de cada entrada hai esperanza, avances científicos e máis oportunidades para as pacientes actuais e futuras.
Colaboracións
A colaboración de numerosas entidades comprometidas coa causa, entre elas a Deputación de Ourense, Xunta de Galicia, Concello de Ourense, Consello Municipal de Deportes, EFF Rosalía, Ourense CF, Tamarindo Patio Bar, Raíces Tamarindo, Farma Laura, Restaurante Tizar Gourmet, Leticia Celaá Beauty Lounge, O Meigallo a Ourensana, Alar Centro, Escuela Hapkido, Turbo Centro de Adestramento, Amodo Tenda e a propia Asociación Española Contra o Cancro, entre outras.

Sobre a Asociación Española Contra o Cancro
A Asociación Española Contra o Cancro é a entidade de referencia na loita contra o cancro desde hai 70 anos. Dedica os seus esforzos a mostrar a realidade do cancro en España, detectar áreas de mellora e poñer en marcha un proceso de transformación social que permita corrixilas para obter un enfoque do cancro integral e multidisciplinar. No seu ADN está estar ao carón das persoas, polo que o seu traballo tamén se orienta a axudalas a previr o cancro; estar con elas e coas súas familias durante todo o proceso da enfermidade, se lles é diagnosticada; e mellorar o seu futuro co impulso á investigación oncolóxica. Neste sentido, a través da súa Fundación Científica, a Asociación agrupa a demanda social de investigación contra o cancro, financiando por concurso público programas de investigación científica oncolóxica de calidade. Hoxe en día, é a entidade social e privada que máis fondos destina a investigar o cancro: 157 millóns de euros en 792 proxectos, nos que participan máis de 3.000 investigadores.


OS MELLORES ESTABLECEMENTOS



A Asociación integra a pacientes, familiares, persoas voluntarias e profesionais que traballan unidos para previr, sensibilizar, acompañar as persoas afectadas e financiar proxectos de investigación oncolóxica que permitirán un mellor diagnóstico e tratamento do cancro. Estruturada en 52 Sedes Provinciais e presente en máis de 2.000 localidades españolas, conta con máis de 37.000 persoas voluntarias, máis de 764.000 socios e 1.355 profesionais.
Durante o 2025, a Asociación Española Contra o Cancro atendeu a máis de 177.000 persoas cos seus servizos de atención profesionalizada.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------