
A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense abordou hoxe oito asuntos relacionados coa xestión de residuos, a vivenda, as infraestruturas municipais e viarias, o deporte e a tramitación administrativa. Entre os acordos figura a aprobación do expediente de contratación e a apertura do procedemento de licitación da concesión do servizo supramunicipal de recollida e tratamento de residuos de construción e demolición na planta provincial de Morgade, en Xinzo de Limia.
O presidente provincial, Luis Menor, deu conta dos acordos da sesión, na que tamén se aprobaron subvencións por un importe conxunto de 209.120 euros, dos que 130.000 euros corresponden a achegas aos concellos da Teixeira e Punxín e 79.120 euros á convocatoria para a organización de eventos deportivos.
Concretamente, no apartado de cooperación municipal, aprobouse unha subvención de 30.000 euros ao Concello da Teixeira para o equipamento da residencia da terceira idade e outra de 100.000 euros ao Concello de Punxín para a mellora de camiños municipais. A achega a Punxín distribúese entre o acondicionamento de camiños en Vilela, Freás e Vilerma, con 56.757,47 euros, e o camiño Figueiroa–Barxelas, con 43.242,53 euros.
A planta de Morgade está destinada á recepción, clasificación e tratamento de residuos non perigosos procedentes das obras, coa recuperación dos materiais que poidan aproveitarse de novo e o depósito dos non valorizables no vertedoiro asociado. O servizo terá ámbito provincial, cunha área de atención centrada especialmente nos concellos da contorna da Limia e do sur da provincia.
A concesión terá unha duración de 17 anos, cun prazo dun ano desde a formalización do contrato para completar as actuacións previas necesarias para a posta en funcionamento do servizo e un período de explotación de 16 anos. O valor estimado do contrato ascende a 5.609.844,09 euros, sen IVE, e o orzamento base de licitación sitúase en 6.170.828,50 euros, co IVE incluído.
Segundo o expediente, a contratación non supón gasto para as arcas provinciais, xa que a concesionaria se retribuirá mediante as tarifas aboadas polos usuarios. A empresa adxudicataria deberá asumir as obras de reparación, acondicionamento e posta en marcha das instalacións, incluídas as actuacións sobre os elementos deteriorados e os danos causados por actos vandálicos.
O prego establece tarifas máximas por categoría de residuo, sobre as que as empresas poderán presentar baixas. Non se fixa un canon de explotación a favor da Deputación, co obxectivo de favorecer unhas tarifas máis económicas para os usuarios, aínda que a concesionaria deberá efectuar achegas a un fondo para a futura clausura e restauración ambiental do vertedoiro, vinculadas ao volume de residuos depositados.
Axudas para 49 eventos deportivos
A Xunta de Goberno resolveu a convocatoria de subvencións a entidades deportivas e entidades sen ánimo de lucro para a organización de eventos durante 2026, coa concesión de 49 axudas por un total de 79.120 euros. Entre as achegas figuran 4.080 euros para o Campionato de España de Enduro de Piñor; 3.714 euros para a Supercopa de España Júnior e o Trofeo de Judo Cidade de Ourense; 3.385 euros para o Open e o Campionato Galego Júnior e Absoluto de Salvamento e Socorrismo en Piscina; 3.262 euros para o Torneo Internacional de Hockey Veteráns; 3.197 euros para o Campionato de España de Seleccións Autonómicas Sub-21 de hockey; e 3.150 euros para o Campionato de España Júnior de Halterofilia. O Trofeo de Kickboxing Ribeira Sacra e o Chandrexa Trail recibirán 3.000 euros cada un.
A convocatoria abrangue diferentes modalidades deportivas e inclúe actividades de deporte inclusivo, como a Marcha Ciclista Unificada de Special Olympics Galicia e as propostas de Acudin en Cortegada e Castrelo de Miño. O acordo amplía ata o 30 de novembro de 2026 o prazo xeral de xustificación destas subvencións.
Ampliación do prazo das axudas de vivenda
En materia de vivenda, a Xunta de Goberno acordou ampliar ata o 31 de outubro de 2027 o prazo de xustificación das subvencións da convocatoria de 2026 para a adquisición, rehabilitación e mellora de vivendas destinadas ao alugueiro residencial, que remataba o 30 de novembro deste ano. A ampliación responde á complexidade administrativa e técnica das actuacións e á escasa marxe temporal existente desde a resolución da convocatoria. Os concellos beneficiarios disporán así de máis tempo para executar os investimentos e presentar a documentación xustificativa. Esta liña de axudas diríxese aos municipios da provincia de menos de 20.000 habitantes para adquirir ou acondicionar inmobles destinados a vivenda habitual en réxime de alugueiro.
Outros acordos
Na sesión aprobouse tamén un novo trámite do expediente expropiatorio para a terceira fase do acondicionamento da estrada OU-304, entre A Armada e Astariz, no Concello de Castrelo de Miño, necesario para dispoñer dos terreos afectados polas obras. Así mesmo, acordouse unha modificación do Plan provincial de cooperación ás obras e servizos municipais de 2026 relativa a actuacións no Concello de Baños de Molgas. Por último, a Xunta de Goberno desestimou unha solicitude de declaración de nulidade relacionada cunha parcela do expediente expropiatorio da pasarela peonil de Viloira, no Barco de Valdeorras, con base no informe da Asesoría Xurídica provincial.















