Unha empresa comezou a instalación dos contedores que acollerán no exterior os postos de venda da Praza de Abastos do Carballiño mentres se desenvolvan os traballos de remodelación integral desta área comercial. As previsións da Xunta de Galicia apuntan a que as obras de acondicionamento do edificio se leven a cabo no vindeiro 2027, unha vez sexa licitada e adxudicada a execución do proxecto.
Unha iniciativa que parte da Concellería de Comercio do Concello do Carballiño e que se concretou coa sinatura dun convenio por un importe superior aos 1,4 millóns de euros, dos que o Goberno galego achega algo máis de un millón (o 70% do total, a través da Consellería de Comercio), mentres a Deputación Provincial de Ourense aporta o 20% e o 10% restante sairá das arcas municipais.
As obras previstas contemplan actuacións en fachada e cuberta, traballos de albanelaría, carpintaría, vidraría, fontanaría, electricidade, ventilación e climatización do edificio da Praza de Abastos, ademais de incluir melloras nos pavimentos e revestimentos, incidindo na accesibilidade, na protección contra incendios e na xestión de residuos.
Todo elo obrigará aos praceiros carballiñeses a reubicar as súas mercadorías e neveiras nos contedores que se están a instalar no exterior das instalacións da avenida Julio Rodríguez Soto da vila durante o periodo aproximado de seis meses que se estima se prolonguen os traballos de remodelación.
Unha vez conclúan as obras, a Praza de Abastos do Carballiño estaría en condicións de recibir o selo de ‘Mercado Excelente’, do que xa presumen as prazas de Tomiño, Vilagarcía de Arousa, Pontedeume, Carballo, Ribeira, Pontedeume, Tui e, nos últimos días, á de Boiro.
Dende a Consellería de Comercio apúntase que, deste xeito, avánzase no obxectivo de acadar os 25 espazos con esta distinción en 2030, un aspecto que vén recollido no Plan Estratéxico do Comercio de Galicia 2025-2030.

















