O Grupo Cer&Ber é o promotor dos Premios Arenteira que cada ano, e xa son 15, selecciona un xurado de expertos presidido polo historiador Xosé Luis Sobrado e cos que se valoran as traxectorias de persoas e entidades nos eidos cultural e deportivo e tamén se recoñece o traballo de persoeiros que xa nos deixaron, todos eles vencellados ás comarcas do Carballiño e O Ribeiro.
A gala de entrega destes ‘XV Premios Arenteira’ terá lugar mañá venres, 13 de novembro, a partir das 20,30 horas, no Auditorio Manuel María do Carballiño. O acto será conducido por Raquel Domínguez, presentadora carballiñesa en Televisión de Galicia (TVG) e contará coa amenización musical da pandereteira Merchi Rodríguez, de ‘Leilía’, e do grupo folcórico tradicional Tor.
Deporte
Nesta edición, os integrantes do xurado decidiron conceder o galardón en Deporte á o club Balonmán Ribeiro, ao entender que este afamado e xa verteano equipo nado na capital do Ribeiro no ano 1988 é un referente pola súa traxectoria no deporte galego. Co andar do tempo, converteuse nun modelo relativo á formación nesta disciplina entre os deportistas que inician a súa actividade neste club dende moi cativos, fomentando os valores do mundo do deporte baseados no compañeirismo, a solidariedade, o compromiso e tendo o enorme mérito de teren mantido ademais un equipo na elite desta modalidade nas categorías nacionais, militando na 1ª División.
No seu organigrama deportivo, destacan os 10 equipos que conforman a súa estrutura competitiva e que fan deste club un modelo organizativo e de convivencia entre nenos e maiores e, tamén, un equipo con presente e futuro malia ás súas carencias orzamentarias que é quen de contar cun elenco de preto de 200 practicantes.
Cultura e Investigación
No eido de Cultura e Investigación correspondente a 2026, prémiase a Asociación Fotográfica O Potiños, valorando a esta veterano e consagrado colectivo nado na vila do Arenteiro no ano 1985 por iniciativa de varios afeccionados á fotografía, que leva realizado numerosas actividades de difusión, estudo, exhibición e publicación do rico patrimonio fotográfico histórico das comarcas do Carballiño e O Ribeiro. Tamén, unha abondosa achega de documentos captados no presente pola súa xeografía dende diversos aspectos: xeográficos, paisaxísticos, humanos, etnográficos, artísticos, etc., logrando captar para este mundo da imaxe no que vivimos a un importante elenco de novos e afeccionados amantes desta nobre arte da fotografía.
Coa súa constante acción, O Potiños ten moita repercusión a nivel local e galego que queda reflectida nos seus xa consagrados ‘Outonos Fotográficos’, que, ano a ano, convidan ós afeccionados á visitar masivamente esta actividade e outras, caso dos importantes monográficos dedicados a recoller o seu cotián -e desinteresado facer- e do material recollido pola contorna. Participa, ademais, en numerosos certames que se realizan ó longo da xeografía galega e do norte de Portugal.
Título póstumo
A título póstumo, o xurado lembra a Emilio Nogueira Fariñas, tomando en consideración o seu outorgamento a este home recentemente falecido en Bos Aires, natural de Cangues (O Irixo) pola súa constante implicación no mundo cultural, empresarial e humano como presidente do Centro Partido do Carballiño en Bos Aires. Coma no caso de outros moitos galegos da súa xeración tivo que deixar a súa terra para buscar novos horizontes vitais.
Emigrante, empresario e membro -e logo presidente- durante moitos anos do Centro Partido do Carballiño en Bos Aires, Emilio Nogueira foi promotor durante o seu mandato de moitas iniciativas culturais e sociais co colectivo de emigrados. Preocupado sempre por cada un dos membros desa entidade e sabedor da situación socio económica dos mesmos, fixo o posible por atender as carencias e necesidades da colectividade. Cada ano, volvía ás súas orixes e sempre tivo no seu matín o lugar onde nacera e saíra, á súa familia e ós seus amigos. Xeneroso, cumpridor e home sinxelo e tolerante, gañou a confianza e o cariño dos seus paisanos galegos e da sociedade arxentina como quedou patente na celebración, no ano 2018, do Centenario do Centro carballiñés na capital bonaerense.
O Auditorio do Carballiño converterase así nun punto de encontro aberto e de acceso libre para toda a veciñanza que desexe asistir a este acto e desexe arroupar ás persoas galardoadas nesta 15ª edición dos Premios Arenteira.

















