A Xunta de Galicia outorgou hoxe o primeiro e o segundo premio na modalidade de videocreación do Xuventude Crea 2026. O segundo galardón recaeu no proxecto “Faro”, de Mario Fernández, da localidade do Carballiño.
“Faro” presentouse como unha aproximación poético-documental da peregrinación ao Monte Faro, entre Chantada e Rodeiro, na que se establece unha irmandade entre o silencio e a fe coas forzas da natureza.
O primeiro premio foi para “A pel do río”, de Alba Amoedo, do municipio pontevedrés da Lama, unha peza audiovisual experimental que constrúe unha identidade dual entre un corpo feminino e a corrente de auga do río, e que destacou polo seu deseño sonoro e recursos plásticos. O terceiro premio foi para “Baixo as pálpebras”
Nesta décimo sétima edición, a modalidade recoñeceu tamén coa Mención de Honra a José García Estévez e Isabella Moreno Rueda pola creación “Persistencia do baleiro”, na que destaca o xogo entre o vídeo analóxico e dixital.
A modalidade de videocreación é unha das 15 especialidades que compoñen o Xuventude Crea 2026, que consolida o seu interese entre a mocidade galega con preto de medio milleiro de persoas inscritas este ano e que celebrará a gala cando rematen todas as finais das diferentes categorías. O programa chega á súa décimo sétima edición como iniciativa consolidada e con prestixio no eido cultural e artístico galego, no que xa participaron preto de 6.000 mozos e mozas, con 4.000 obras e proxectos creativos, e no que se repartiron preto de 700 premios por un importe total superior ao millón de euros e 89 mencións de honra.

















