As e os socialistas poñen en valor os dous convenios asinados entre a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil e o Concello, que permitirán construír unha nova depuradora e cinco depósitos de almacenamento de auga en distintas parroquias do municipio
O Estado financiará o 95 % do investimento, cunha achega que permitirá resolver un problema histórico de saneamento e ofrecer novos recursos ás explotacións gandeiras e aos dispositivos de loita contra os incendios forestais
“Estamos falando de acabar cun problema ambiental que se arrastra desde hai 25 anos e de dotar Viana dunha depuradora moderna, situada nunha cota máis elevada e deseñada para evitar os problemas que afectaban á instalación anterior”, destaca Carmen Rodríguez Dacosta
Viana do Bolo, 13 de novembro de 2026. O PSdeG-PSOE de Ourense pon en valor o compromiso do Goberno de España con Viana do Bolo, que se traducirá nun investimento global de arredor de dous millóns de euros para mellorar as infraestruturas hidráulicas do municipio, solucionar problemas históricos de saneamento e reforzar a dispoñibilidade de auga no rural.
Trátase de dúas actuacións impulsadas pola Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS), dependente do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, mediante dous convenios de colaboración co Concello de Viana do Bolo. O financiamento correrá a cargo da Administración central nun 95 %, mentres que o consistorio asumirá o 5 % restante.
A candidatura socialista ao Congreso dos Deputados e ao Senado destaca que estes investimentos demostran con feitos o compromiso do Goberno de Pedro Sánchez cos concellos do interior da provincia, especialmente con aqueles que precisan actuacións estruturais para garantir servizos básicos, mellorar a calidade de vida da veciñanza e ofrecer novas oportunidades ao sector primario.
“Estamos falando de investimentos que resolven problemas reais da xente. Non só imos solucionar unha situación de saneamento que leva décadas pendente, senón que tamén imos dotar varias parroquias de novos depósitos de auga fundamentais para as explotacións gandeiras e para a loita contra os incendios. Isto é apostar polo rural con feitos”, destacan desde a candidatura socialista.
Unha nova depuradora para poñer fin a 25 anos de problemas de saneamento
Unha das actuacións máis relevantes será a construción dunha nova estación depuradora de augas residuais (EDAR), cun investimento estimado de 1.660.000 euros, dos que 1.577.000 serán achegados pola Confederación Hidrográfica do Miño-Sil e os 83.000 euros restantes polo Concello.
A infraestrutura permitirá resolver un problema ambiental que se arrastra desde hai aproximadamente 25 anos. A antiga depuradora de A Galega permanece fóra de servizo desde 2001 debido á súa localización nunha zona inundable, circunstancia que imposibilitou recuperar o funcionamento das instalacións e obrigou a buscar unha solución definitiva.
O proxecto contempla a demolición e retirada das instalacións antigas, a construción dunha nova depuradora dimensionada para unha poboación equivalente de 1.000 habitantes e situada nunha cota máis elevada, así como a instalación dun tanque de tormentas para xestionar os importantes volumes de augas pluviais que chegan ao sistema.
Tamén se executarán as conexións necesarias para integrar a nova infraestrutura na rede municipal de saneamento.
“Non estamos falando dun pequeno arranxo nin dunha actuación menor. Estamos falando de acabar cun problema ambiental que se prolonga desde hai 25 anos e de dotar Viana dunha depuradora moderna, adaptada ás necesidades actuais e futuras do municipio. O Goberno de España dá un paso decisivo para que esta demanda histórica teña, por fin, unha solución”, destaca Carmen Rodríguez Dacosta.
Cinco novos depósitos para apoiar o sector gandeiro e combater os incendios
O compromiso inversor do Goberno de España con Viana do Bolo complétase cunha segunda actuación que permitirá construír cinco depósitos de almacenamento de auga nas parroquias de Bembibre, Pixeiros, Fraderlo, Quintela de Edroso e Vilaseco.
Esta infraestrutura terá unha dobre finalidade especialmente importante para o territorio. Por unha banda, permitirá garantir a dispoñibilidade de auga para as explotacións gandeiras durante os períodos de seca, contribuíndo a mellorar as condicións de traballo do sector primario e a actividade económica no rural.
Por outra, os depósitos servirán como puntos de carga de auga para os medios de extinción de incendios forestais, reforzando os recursos dispoñibles para actuar ante posibles lumes e mellorando a capacidade de resposta nun municipio con importantes extensións de territorio rural e forestal.
Desde o PSdeG-PSOE destacan que esta actuación vai máis alá dunha mellora das infraestruturas hidráulicas, xa que responde a dúas necesidades fundamentais do rural ourensán: garantir recursos para manter a actividade agrogandeira e avanzar na prevención e loita contra os incendios forestais.
“A auga é un recurso esencial para o futuro do rural. Estes depósitos van facilitar o día a día das explotacións gandeiras e, ao mesmo tempo, serán unha ferramenta máis para combater os incendios. Son investimentos que teñen unha repercusión directa na actividade económica, na seguridade e na protección do territorio”, subliñan.
O compromiso do Goberno de España cos concellos do interior
As dúas actuacións sitúan o investimento global previsto en arredor de dous millóns de euros, cun financiamento do 95 % por parte da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil e do 5 % por parte do Concello de Viana do Bolo.
Para os socialistas, este esforzo inversor evidencia a importancia de contar cun Goberno de España que entende que a igualdade de oportunidades tamén pasa por garantir infraestruturas e servizos públicos de calidade nos municipios máis pequenos.



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
Nunha provincia como Ourense, marcada pola dispersión territorial, o envellecemento da poboación e os desafíos demográficos, resulta imprescindible impulsar actuacións que melloren os servizos básicos, apoien os sectores produtivos e fagan máis atractivo vivir e traballar no rural.
“O compromiso cun territorio mídese polos investimentos que chegan e polos problemas que se resolven. En Viana do Bolo estamos ante un exemplo claro: dous millóns de euros para mellorar o saneamento, apoiar as explotacións gandeiras e reforzar a loita contra os incendios, cunha achega estatal do 95 %. Fronte ás palabras, feitos e investimentos que melloran a vida da xente”, conclúen desde o PSdeG-PSOE de Ourense.

















