Sitúa entre as prioridades do BNG a eliminación de vertidos sen tratamento aos ríos e a recuperación ambiental dos cursos fluviais
Noa Presas reivindica tamén a transferencia da CHMS a Galiza para que o País poida decidir sobre a xestión dos seus ríos
Ourense, 18 novembro 2026. A cabeza de lista do BNG, Noa Presas, comprométese a defender actuacións urxentes de saneamento nas ribeiras dos ríos Avia e Miño, con especial atención á situación de Ribadavia, onde persisten vertidos de augas directamente ao río sen pasar polos correspondentes sistemas de tratamento.
Presas considera que a recuperación ambiental dos ríos debe converterse nunha prioridade para as administracións e reclama que se impulsen os investimentos necesarios para solucionar as deficiencias existentes nas infraestruturas de saneamento e depuración.
“Non podemos permitir que continúen chegando ao Miño vertidos de augas residuais sen ningún tipo de tratamento. Estamos falando dun problema ambiental, de saúde pública e de protección do noso patrimonio natural que precisa dunha resposta inmediata” sinala a cabeza de lista do BNG por Ourense.
Neste sentido, o BNG comprométese a defender que se acometan as actuacións necesarias para garantir o saneamento das ribeiras do Avia e do Miño, así como unha solución integral para Ribadavia que permita erradicar os vertidos directos ao río e asegurar que as augas residuais reciben o tratamento adecuado antes de seren devoltas ao medio natural.
“O Miño e o Avia forman parte da identidade e da riqueza ambiental da comarca. A veciñanza de Ribadavia e de toda a contorna ten dereito a uns ríos limpos e a que as administracións cumpran coas súas responsabilidades” subliña Presas.
“Decidir nós sobre o noso e non alguén a 500 quilómetros”
A cabeza de lista do BNG lembra que estas actuacións dependen, en boa medida, da intervención da Confederación Hidrográfica Miño-Sil e aproveita para reivindicar a transferencia deste organismo á Galiza.



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
“Precisamos que Galiza teña competencias e recursos para xestionar os seus propios ríos, decidir as prioridades e actuar con maior proximidade ás necesidades dos concellos. Non ten sentido que o País careza de capacidade plena para planificar a protección dos seus recursos hídricos, máis cando quen a está exercendo a 500 quilómetros actúa con verdadeira pasividade e inacción” defende.
Presas conclúe que o BNG utilizará a representación que consiga Ourense nas Cortes do Estado para trasladar estas demandas e reclamar compromisos e investimentos concretos para as comarcas ourensás.

















