A candidata do PSdeG PSOE ao Congreso dos Deputados, Carmen Rodríguez Dacosta, participou nun almorzo informativo no que presentou e abordou as principais propostas socialistas para reforzar o Estado do benestar, avanzar na protección social e garantir dereitos e oportunidades á cidadanía ao longo de todas as etapas da vida.
Un dos asuntos centrais foi o papel do Ingreso Mínimo Vital (IMV). Neste sentido, Dacosta destacou que actualmente, 5.567 fogares ourensáns reciben o Ingreso Mínimo Vital, unha axuda que chega a 14.395 persoas e que representa un investimento anual próximo aos 40 millóns de euros.
Tamén incidiu en que as políticas de protección social deben evitar que unha situación económica difícil se transforme nunha situación de exclusión permanente, garantindo uns ingresos mínimos e facilitando o acceso aos servizos públicos.
Outro dos eixes do encontro foi o apoio ás familias e á infancia. Entre as propostas do PSOE destaca a creación dunha prestación estatal por crianza para todos os fogares con menores de idade, cun deseño fiscal redistributivo e progresivo que permita reforzar especialmente a protección das familias con menores ingresos.
A iniciativa pretende apoiar economicamente a crianza e avanzar cara a unha maior igualdade de oportunidades desde as primeiras etapas da vida.
Neste mesmo ámbito, o PSOE propón a creación dunha Conta de Futuro, mediante a asignación a cada neno e nena, desde o seu nacemento, dunha conta pública dotada con 1.000 euros e investida en fondos públicos. Estas propostas cobran especial relevancia nunha provincia como Ourense, que afronta importantes desafíos demográficos onde máis de 14.000 poderían benefiarse desta medida, apuntou Carmen Dacosta.
As propostas socialistas ante os retos sociais e demográficos de Ourense
Ao longo do encontro púxose de manifesto a necesidade de que as políticas públicas teñan en conta as características específicas da provincia de Ourense: o envellecemento da poboación, a dispersión territorial, o peso dos municipios rurais e as dificultades de acceso aos servizos e prestacións.
O conxunto das propostas socialistas abordadas no almorzo informativo responde a unha visión das políticas sociais baseada na protección das persoas en todas as etapas da vida: desde a infancia e a crianza ata a vellez.
O encontro permitiu compartir reflexións sobre a necesidade de seguir avanzando nun modelo de protección social no que a eficacia das políticas públicas se mida pola súa capacidade para mellorar a vida das persoas, reducir as desigualdades e garantir que ninguén quede atrás.
Un compromiso que, no caso de Ourense, debe traducirse en máis oportunidades para as familias, maior protección para as persoas vulnerables e unha atención especial ás necesidades dunha provincia marcada polo envellecemento e a dispersión territorial.
















