Eva Pérez Gamote e Natalia González apelan á unidade feminista e á defensa das políticas públicas, mentres María Fernández Ojea e Carmen Rodríguez Dacosta dan lectura ao manifesto socialista do 25N.
As socialistas de Ourense conmemoraron este 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, cun acto celebrado no parque 25N da cidade, no que reivindicaron a necesidade de seguir avanzando en igualdade, reforzar a protección das vítimas e defender os dereitos e liberdades conquistados polas mulleres fronte a calquera intento de retroceso.
Durante o encontro, as candidatas socialistas ao Congreso e ao Senado, María Fernández Ojea e Carmen Rodríguez Dacosta, procederon á lectura do manifesto socialista con motivo do 25N, no que o PSOE reafirma o seu compromiso coa erradicación da violencia machista e coa defensa dunha sociedade igualitaria. O documento recolle os compromisos en materia de igualdade do programa socialista, entre eles o reforzo dos sistemas de protección ás vítimas, o desenvolvemento das medidas do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero e o impulso de novas iniciativas lexislativas para combater todas as formas de violencia contra as mulleres.
A secretaria de Igualdade do PSdeG-PSOE e candidata socialista á Alcaldía de Ourense, Natalia González, puxo o acento na liberdade das mulleres para decidir sobre as súas propias vidas, os seus corpos e o seu futuro. Recuperando unha reflexión da escritora Oriana Fallaci, no seu libro ‘Carta a un neno que nunca naceu’, lembrou que «a maternidade non é un oficio nin tampouco un deber, senón un dereito máis entre tantos outros».
Unha reflexión que, segundo sinalou, vai moito máis alá da maternidade e conecta directamente coa autonomía e a capacidade das mulleres para tomar as súas propias decisións. González advertiu de que a violencia machista non comeza nin remata nunha agresión física, senón que tamén se manifesta cando se pretende controlar a vida das mulleres, limitar a súa liberdade, cuestionar os seus dereitos ou negarlles a capacidade de decidir.
«Non hai igualdade sen liberdade. Non hai liberdade se non podemos decidir sobre os nosos corpos», defendeu González, que advertiu da importancia de protexer os dereitos conquistados durante décadas de loita feminista e de impedir calquera retroceso. A súa mensaxe concluíu cunha reivindicación clara: «Fronte á violencia, liberdade. Fronte ao medo, dereitos. Fronte ao retroceso, feminismo».
Pola súa banda, a secretaria provincial de Igualdade do PSdeG-PSOE de Ourense, Eva Pérez Gamote, quixo lembrar especialmente ás mulleres que sofren violencia en silencio, ás que viven atrapadas no medo e ás que non poden abandonar aos seus agresores pola falta de independencia económica, as ameazas ou a preocupación polo futuro dos seus fillos e fillas. Tamén puxo o foco nos nenos e nenas que medran en contornas de violencia, vítimas dunha realidade que non escolleron e que condiciona as súas vidas.
Pérez Gamote incidiu en que non abonda con pedirlles ás mulleres que dean o paso de abandonar unha situación de violencia: é imprescindible garantirlles protección, acompañamento, recursos económicos e alternativas para reconstruír as súas vidas. «A ningunha muller se lle pode esixir que saia dunha situación de violencia sen garantir que teña protección, apoio e recursos para reconstruír a súa vida», afirmou.
A responsable provincial reivindicou o papel das políticas públicas e dos gobernos socialistas na conquista de dereitos e na loita contra a violencia machista, lembrando avances fundamentais como a Lei integral contra a violencia de xénero de 2004, a Lei de igualdade de 2007 e a Lei de liberdade sexual de 2022. Así mesmo, reclamou que se sigan reforzando os mecanismos de protección e os recursos destinados ás vítimas, porque «os dereitos das mulleres non caeron do ceo, foron conquistados con moita loita e con decisións políticas».
As socialistas ourensás advertiron tamén dos riscos que supoñen os discursos negacionistas e os intentos de cuestionar os avances do feminismo. Fronte a eles, defenderon a necesidade de manter unha resposta política, social e institucional firme, porque as decisións que se adoptan desde as administracións teñen consecuencias directas na vida das mulleres e dos seus fillos e fillas.
Neste contexto, reivindicaron os compromisos en igualdade anunciados polo PSOE, entre os que figuran o reforzo dos sistemas de protección ás vítimas, o desenvolvemento das medidas do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero e o impulso de novas leis contra a violencia vicaria, a trata e a explotación sexual.



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
As socialistas concluíron facendo un chamamento á responsabilidade colectiva e á unidade feminista para non dar nin un paso atrás nos dereitos conquistados e seguir traballando por unha sociedade na que ningunha muller teña que vivir con medo, na que ningún neno ou nena medre pensando que a violencia forma parte do amor e na que a liberdade sexa unha realidade para todas.
«Fronte á violencia, liberdade. Fronte ao medo, dereitos. Fronte ao retroceso, feminismo. Porque os nosos dereitos non son privilexios: son conquistas, son dignidade e sen eles non hai democracia».














