A Asociación de Discpacitados Físicos e Orgánicos do Carballiño e comarca precisan del para poder seguir medrando e ofrecendo máis servizos ás máis de 100 persoas ás que atenden.
TEXTO DA MOCIÓN
A Asociación de Persoas con Discapacidade Física e Orgánica do Carballiño e comarca (ASDIFICA) leva xa varios anos de constante crecemento, acadando gran relevancia dentro do seu eido.
Entre as súas encomiables funcións está, nin máis nin menos ca a de prestar apoio e facilitar a vida diaria e a integración social e laboral dos seus asociados.
Segundo cifras facilitadas por eles mesmos, son máis de 100 persoas ás que atenden de xeito regular.
Con moi escasos recursos, son quen de ofrecerlles servizos coma o de fisioterapia, o de rehabilitación, o de asistencia psicolóxica, cursos ou mesmo o de orientación laboral.
Incluso durante os confinamentos, estiveron a levar a termo un seguimento constante da situación de todos e cada un dos asociados, un colectivo especialmente castigado pola pandemia.
Para acometer todas estas accións absolutamente imprescindibles nunha sociedade que pretenda ser xusta e inclusiva, sempre teñen que enfrontar un obstáculo de moita envergadura: a carencia absoluta de infraestruturas propias.
Levan xa case un ano nun pequeno local do concello cedido por Espazo Común, a onde chegaron por non poder seguir empregando un aínda máis cativo que tiñan prestado no Centro Sociocomunitario. Vense na obriga de alugar ou pedir prestados emprazamentos para poder seguir traballando. A todas luces, isto dificulta enormemente o día a día da asociación.
É obvio, polo tanto, que ASDIFICA precisa con urxencia dun lugar de seu. Habilitado, amplo e sen problemas de accesibilidade.
A estas alturas, xa dispoñen incluso de convenios que lles permitirían financiar as obras que fosen necesarias para o seu acondicionamento.
Así pois, tódolos que formamos parte deste Concello, temos a obriga moral de prestarlles todo o apoio posible e de darlle prioridade absoluta á cesión dun local.
Despois de diferentes conversas con eles, consideran que a mellor opción dentro das posibles, sería parte dos baixos da Estación de Autobuses.
Tendo en conta que xa se leva tempo falando dunha posible cesión da Xunta de Galicia destas instalacións, onde tamén se acordou ubicar a Casa da Xuventude, faise urxente darlle pulo a ese paso.
A nosa proposta é que, en primeiro lugar, o Concello do Carballiño tente chegar a un rápido acordo coa Xunta para que esta realice unha cesión directa dese espazo a ASDIFICA, garantíndolle un número de anos suficiente para que poidan acometer con tranqulidade as inversións necesarias para a súa adaptación.
No caso de non ser isto posible a curto prazo, demandamos que se elabore unha listaxe formal das opcións que o Concello pode ofrecerlles.
Visto todo o anteriormente comentado,
SOLICITAMOS
- Que o Concello do Carballiño negocie coa Xunta de Galicia unha cesión directa a ASDIFICA dos espazos da parte baixa da Estación de Autobuses.
- En caso de non poder levarse a termo o punto anterior, o Concello do Carballiño, facilitará a ASDIFICA polos cauces oficiais unha listaxe das posibilidades reais con que conta para ofrecerlles.
Asinado :
Manuel Vázquez Fernández Adolfo Nogueira Campo Érika Paz Rodríguez
PUBLICIDADE

.