O Psoe de Ourense pide o concello garantias nas medidas para o comercio

O GRUPO MUNICIPAL SOCIALISTA URXE CONCRECIÓN E GARANTÍAS NAS MEDIDAS ANUNCIADAS POLO GOBERNO DE OURENSE PARA APOIAR AUTÓNOMOS, PEMES E COMERCIO LOCAL DA CIDADE        

O PSdeG-PSOE vén de esixir ao cogoberno municipal información detallada sobre a procedencia, o proceso de xestión, e a cantidade específica dos 20 millóns de euros municipais que pretenden dedicar a mitigar o impacto socioeconómico do coronavirus nos emprendedores e no comercio da cidade de Ourense.

AVANTAR ACTIVIDADES

O pasado 20 de marzo o goberno bipartito anunciou 10 millóns de euros para estas mesmas finalidades, e dende aquela os representantes do emprendemento e da pequena empresa local seguen á espera de coñecer as cantidades que poden solicitar, como formalizar as peticións e o prazo no que poderán materializarse.

Dende o socialismo local enfatízase que “este anuncio debe ir vencellado a un compromiso institucional firme e viable co emprendemento local, que estivo ausente con PP e DO durante os últimos 5 anos”.  “Hai que falar de realidades palpables en lugar de axudas difusas ou que poidan demorarse ata 2021 pola falta de dilixencia do actual equipo de Goberno”, conclúe a valoración.

Por outra banda, os representantes socialistas puxeron en valor o traballo que están a realizar durante esta crise socioeconómica, entre outros, a *Asociación de Comerciantes da Praza de Abastos número 1*, e lémbranlle a Jácome que non engana a ninguén cando se coloca na foto con eles despois de vilipendialos durante anos.

Na mesma liña, o PSdeG-PSOE da cidade apoia a convocatoria solicitada polo *Centro Comercial Aberto Ourense Centro* para que se convoque unha mesa de traballo conxunta Concello-Deputación co fin de tratar aspectos coma alugueiro de locais comerciais, tarifa plana en gastos de telecomunicacións e xestión de impostos do primeiro trimestre de 2020. “Nesta mesa deben estar representadas todas as forzas políticas electas, e procurarse o ben común antes que a promoción de personalismos vacuos”, remata o comunicado do PSdeG-PSOE municipal.