Patronato da cultura galega en Montevideo

O Patronato da Cultura Galega é unha institución sen fins de lucro que ten por obxectivo traballar pola difusión da cultura galega. Foi creado en 1964 e leva adiante distintas actividades que brevemente enumeramos:

1- Cursos regulares, de marzo a decembro de cada ano nas seguintes áreas

AVANTAR ACTIVIDADES

            – Lingua galega, 1° e 2° nivel

            – Declamación en galego

            – Historia de Galicia

            – Coro

            – Fotografía

            – Óleo

            – Pandeireta e Percusión

            – Danza galega e crioula

            – Obradoiro de Conta Contos

            – Obradoiro de Literatura

            – Teatro en galego e en castelán (de autor galego)

2- Actividades especiais. Tódolos anos celébranse datas relevantes para Galicia e para a nosa institución, a saber: Día de Castelao, Días das Artes Galegas, Día do Libro, Día das Letras Galegas, Homenaxe aos galegos mortos no Uruguai o primeiro domingo de xullo, ao pé do cruceiro que no século XIX trouxeron dous irmáns galegos a Montevideo e actualmente se atopa no Cemiterio Central desta cidade, Día de Galicia,

Día de Galicia Mártir en lembranza de Alexandre Bóveda e, para rematar, no mes de decembro celebramos o Día da Poesía Galega dende hai máis de 20 anos, no que se homenaxea a un poeta contemporáneo como

forma de dar a coñecer os novos talentos. Celebramos tamén, no mes de xullo de cada ano, unha misa en galego na Catedral Metropolitana de Montevideo, co obxectivo de reivindicar o uso do idioma galego en tódolos ámbitos.

Mención especial merece a celebración do Aniversario da Institución o día 8 de xuño, momento no que é tradición entregar un recoñecemento, a “Viera de Prata” a persoas ou institucións que destaquen polo seu aporte a Galicia ou á nosa Institución. Personalidades como Isaac Díaz Pardo, Luís Tobío, Carlos Zubillaga Barrera, Luís Seoane, Antón Crestar, Manuel Meilán ou máis recentemente o escritor Manuel Rivas e a  xornalista Mónica Rebolo, recibiron esta distinción.

3- Actividades puntuais. Ademáis do reseñado, o Patronato leva adiante exposicións, mesas redondas, conferencias, etc, abertas ao público en xeral.

4- Audición radial Sempre en Galicia” – Creada en 1950 por un grupo de galegos que logo fundarían o Patronato da Cultura Galega, é a audición máis antiga do mundo falada en idioma galego. O nome foi elixido como homenaxe a Castelao, no ano do seu falecemento.  Mantivemos a apertura e peche orixinais coas que a voz de Manuel Meilán daba a benvida aos oíntes desde o 3 de setembro de 1950. Moi escoitada pola nosa colectividade en todo o territorio nacional e aínda fora de fronteiras, a través do Facebook oficial do Patronato.

5- Biblioteca – A Institución conta cunha biblioteca con aproximadamente 10.000 volumes, a gran maioría en galego, unha das máis importantes deste tipo en América. Conta con títulos importantes que foran impresos  cando non se podía imprimir en galego en Galicia.

Para o voso coñecemento, nomeamos a continuación as actividades xa desenvolvidas no que vai do ano 2020.

DÍA DE CASTELAO

O pasado 31 de xaneiro, como tódolos anos, o Patronato homenaxeou a Castelao, o noso guieiro, na data do seu nacemento. Nesta oportunidade o noso Grupo de Teatro fixo unha adaptación e representación de “Un ollo de vidro” de Castelao. Adxuntamos fotos e programa do acto.

HOMENAXE A ROSALÍA DE CASTRO

Lembramos á nosa insigne escritora cun acto no local social do Patronato o xoves 5 de marzo, a sala chea. Francis Queijo, integrante do Obradoiro de Teatro da institución, personificou a Rosalía narrando a súa vida, escollidos na voz de Maribel Calderón, profesora de Declamación do Patronato.

DÍA DA MULLER

Nesta oportunidade lembramos a traxectoria de seis galegas que destacaron en distintas facetas do quefacer: cencia, artes, pedagoxía, literatura. A actividade contou cunha exposición inicial a cargo de María del Carmen Lorenzo acerca da orixe e importancia da data, seguida da presentación da traxectoria das seis galegas a cargo de Fernando Novo e José Piñeiro. Adxuntamos fotos.

Lamentablemente as actividades víronse interrompidas por mor da chegada do coronavirus COVID-19 a Uruguai días atrás. Por esta razón, o inicio de cursos 2020 e a realización das próximas actividades foron aprazados, sen nova data de presentación. Volveremos a poñernos en contacto cando sexa posible o reinicio de actividades.