Os socialistas critican que Baltar e DO rexeiten ampliar por intereses partidistas axudas da deputación de ourense para a crise da covid-19

Villarino salientou que “o Goberno central está realizando unha tarefa formidable con inxentes axudas e medidas extraordinarias”, polo que reclama “o mesmo esforzo e axilidade á Deputación”
Dúas mocións reclamaban ampliar con máis cartos a cooperación cos concellos e aprobar melloras nas axudas sociais e económicas ós afectados pola crise sanitaria por importe de 20 millóns
Ourense, 29 de maio de 2020. Os socialistas critican que Manuel Baltar e Democracia Ourensana (DO) acordasen vetar hoxe a importante mellora e ampliación das axudas que a Deputación de Ourense acordou fronte a crise da COVID-19. Durante o pleno ordinario de maio, PP e DO tombaron co seu voto as dúas mocións socialistas que impulsaban estas medidas “unicamente por intereses partidistas e para non darlle a razón ó PSdeG-PSOE, que vén de facer propostas desde as primeiras semanas da emerxencia”. Os votos de PP e DO tombaron o impulso destas necesarias melloras, mentres BNG e Ciudadanos votaron abstención.
“A pandemia esixe hoxe máis que nunca que as administracións públicas cooperen para saír canto antes desta crise sen deixar a ninguén atrás”, destaca o portavoz, Rafa Villarino. “O Goberno central está realizando unha tarefa formidable con inxentes axudas e medidas extraordinarias, e tamén en Galicia, onde un terzo da poboación activa recibiu algunha prestación nos meses de marzo, abril e maio”, polo que reclamaron “o mesmo esforzo e axilidade á Deputación”. “Pouco máis se pode esperar da talla política das persoas que temos enfronte”, destacou ante a negativa do bipartito de goberno a votar a favor das medidas.
“É perentorio que as institucións máis próximas á veciñanza reciban osíxeno financieiro para afrontar estas necesidades xurdidas nas últimas semanas”, fondos que, insisten os socialistas, deben ser distribuídos de xeito “equitativo” en base a “criterios obxectivos e previamente publicitados, co fin de que todos os concellos teñan as mesmas oportunidades na súa consecución”. “Vostedes unha vez máis póñense de costas ante o problema e só se adican a dicir que a súa proposta é a mellor”, denunciou o portavoz do PSdeG-PSOE antes de esixir “que deixen a demagoxia e usen argumentos partidistas”.

Unha das mocións reclamaba melloras na asistencia e cooperación da deputación aos concellos da provincia a causa do coronavirus para que, como mínimo, se “dupliquen os importes destinados incluídos nos plans provinciais da institución, delegando nos concellos a potestade para decidir o obxecto do gasto e para tramitar directamente a súa execución”.
A outra iniciativa instaba á aprobación dunha importante batería de medidas a prol das familias e a educación por importe de 4,1 millóns de euros, ante as “imprevistas necesidades xurdidas polos problemas de conciliación e para rebaixar a fenda dixital que evidenciou o confinamento nas súas casas”. Igualmente reclamaba a adopción de medidas sociais e para servizos por máis de 9,4 millóns de euros, co fin de “mellorar considerablemente a resposta desta institución ante crise causada polo virus SARS-CoV-2” dentro dun investimento global de carácter social e económico que suma 20 millóns ó incluír outras propostas en materia socioeconómicas con 6 millóns