A carballiñesa Marisol Novoa cumpre un ano á fronte da Confederación Empresarial de Ourense

É a primeira muller que ocupa un cargo desta natureza nas organizacións empresariais galegas

A Confederación Empresarial de Ourense quixo conmemorar a través dun vídeo a chegada á presidencia de Marisol Novoa, da que se cumpre un ano o 6 de xuño, e que veu ocupar o lugar do falecido José Manuel Pérez Canal.

AVANTAR ACTIVIDADES

VIDEO

Marisol Novoa Rodríguez convertíase na primeira muller á fronte dunha organización empresarial provincial en Galicia, e facíase acompañar doutras dúas mulleres como vicepresidentas, Rosa Mª Sánchez Gándara e Beatriz Gómez Valcárcel, recoñecidas empresarias ourensás. Completaron os cargos da directiva César Blanco e Alejandro Cruz tamén como vicepresidentes, e Juan Manuel Piñeiro e David Martínez nos cargos de tesoureiro e contador, respectivamente.

Natural do Carballiño e avogada de profesión, Marisol Novoa non era allea aos cargos de responsabilidade no asociacionismo empresarial, pois xa compaxinaba o cargo de presidenta da Asociación de Mujeres Empresarias co de vicepresidenta no equipo de Pérez Canal.

O protagonismo e valor da muller na empresa, e a necesaria unidade de todo o colectivo para actuar con máis forza, son dúas das doutrinas que defende e aplica no seu traballo diario, ademais da aposta por Ourense, os seus recursos e potencialidades.

Neste primeiro ano de mandato, a presidenta da CEO destaca ‘tanto o valiosísimo traballo diario da CEO á beira das empresas ourensás -aínda que resulte menos coñecido polo habitual e rutineiro-, como as accións puntuais e máis mediáticas coas que, por exemplo, traemos ata aquí a empresarios doutros países para mostrar as excelencias da provincia e vendela fóra, algo que sen dúbida repercute moi positivamente nela, e que debemos potenciar aínda máis en canto permítao a situación creada pola pandemia, xa que o comercio exterior pode resultar moi beneficioso para Ourense nesta crise, do mesmo xeito que sucedeu na anterior’.

Ademais do capítulo da internacionalización, a presidenta da CEO reivindica seguir apostando e defendendo outras liñas de actuación como a revitalización do ámbito rural, a posta en valor do made in Ourense, infraestruturas do século XXI para a provincia, implantación de industria, o comercio local, a dixitalización das empresas, un turismo de calidade, e, en definitiva, todas as accións que conduzan a un Ourense con futuro onde se cumpran os soños e proxectos de todos e todas as súas habitantes.