Ribeiro en Común pide probas PCR para os traballadores de Axuda no Fogar

Ribeiro en Común segue reclamando que se cumpra a Moción aprobada polo Pleno Municipal para a mellora do Servizo de Axuda no Fogar de Ribadavia.

O acordo plenario aprobou que se procedera por parte do Concello a realizar probas preventivas para garantir a tranquilidade das traballadoras do noso servizo municipal, un servizo que atende a poboación maior de especial risco nesta situación de pandemia.

AVANTAR ACTIVIDADES

Dende a formación aseguran que non poden compartir nin entender como rematando o mes de agosto aínda non se procedeu, segundo aseguran, a cumprir este mandato plenario, cando din que están recibindo diariamente noticias preocupantes do noso entorno comarcal e provincial.

Para a formación o mellor recoñecemento a grande labor das traballadoras do SAF é o reforzamento de todos os protocolos de seguridade e prevención diante do COVID19 con materiais de traballo e coa realización de probas preventivas que lle proporcionen maior tranquilidade e respaldo ao noso servizo.

Esta crise por desgraza continúa con nós e non nos vai deixar relaxarnos, así o demostran os datos de positivos por COVID na nosa comarca. Por este motivo, Ribeiro en Común insiste no reforzamento das condicións de traballo e salariais así como de prevención para todas as traballadoras de Axuda no Fogar.

Asi mesmo, Ribeiro en Común reclama que o Concello de Ribadavia asuma os demais acordos aprobado polo Pleno de Ribadavia en favor do Servizo de Axuda no Fogar e do benestar persoal, sanitario e social das persoas dependentes.

O SAF de Ribadavia fixo e segue facendo unha labor encomiable e con moita profesionalidade. Por iso o grupo considera que o trato do Concello con este servizo debe estar a altura das nosas traballadoras.

Por estes motivos seguen reiterando e reclamando que o Concello acometa a realización da proba-test as súas traballadoras para realizar e desenvolver o seu traballo con maior tranquilidade para elas e para os e as usuarias do noso servizo municipal.