A Deputación de Ourense aproba as bases do XXXI Premio Carracedo de Xornalismo

Videoconferencia da Xunta de Goberno da Deputación Ourense. Asisiten Manuel Baltar (Presidente Deputación); Rosendo Fernández (VicePresidente 1º); Placido Álvarez Dobaño (VicePresidente 3º); Jorge Pumar (Deputado PPOU); Luz Doporto Real (Deputado PPOU); Cesar Fernández Gil (Deputado PPOU); Pablo Pérez Pérez (Deputado PPOU); Mónica Legaspi (Interventora Deputación Ourense); Juan Marquina e Adamantino Barreiro García (Secretario e ViceSecretario da Deputación Ourense)

A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense aprobou hoxe as bases da XXXI edición do premio de xornalismo “Xosé Aurelio Carracedo”, correspondente ó ano 2021, que ten como obxectivo premiar o mellor traballo xornalístico, como homenaxe e lembranza do xornalista ourensán que lle da nome ao certame, en defensa dun xornalismo de calidade. 

Poderán optar a este premio todos os profesionais ou colaboradores habituais que exerzan o seu labor en medios de comunicación escritos, audiovisuais ou dixitais, en calquera das súas modalidades. As propostas para optar ao premio poderán ser presentadas polos propios interesados, pola dirección do medio no que foron publicadas, por institucións, asociacións, colectivos, persoas individuais ou polo propio xurado.  

AVANTAR ACTIVIDADES

Os traballos ou conxuntos de traballos –escritos, gráficos, audiovisuais ou dixitais-, que participen no concurso, terán que estar publicados en medios de comunicación galegos ou noutros medios de comunicación pero deberán referirse a Galicia, entre o día 1 de xaneiro de 2020 e o día 31 de decembro do mesmo ano. Os interesados en participar poderán presentar as súas propostas desde a publicación desta convocatoria no BOP de Ourense e pecharase o prazo de recepción o día 18 de marzo de 2021.  

O xurado do premio de periodismo “Xosé Aurelio Carracedo” estará presidido polo presidente da Deputación de Ourense ou persoa en quen delegue, e como vogais estarán: un representante do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, un representante da Federación de Asociacións de Periodistas (FAPE), un representante da Facultade de Ciencias da Comunicación de Santiago de Compostela, e un representante da Facultade de Ciencias Sociais e Comunicación da Universidade de Vigo. Actuará como secretario do xurado, con voz pero sen voto, o asesor de Comunicación da Deputación de Ourense. O certame conta cun único premio de 3.000 euros e o acto de entrega terá lugar na data que se indicará oportunamente. 

En canto ao modo de envío das propostas deberán presentarse exclusivamente a través da páxina web da Deputación de Ourense, no apartado “XXXI premio de periodismo “Xosé Aurelio Carracedo” (que se habilitará a partir da data de publicación das bases no BOP). No formulario, os participantes farán constar os seus datos persoais: nome e apelidos, domicilio, teléfono, correo electrónico, DNI e currículo vitae; a modalidade do/dos traballo/s (prensa, radio, televisión, fotografía ou xornal dixital); e o/os traballo/os que se presentan ao premio. 

No caso de prensa, os traballos enviaranse escaneados nun arquivo PDF; no caso de radio, os audios enviaranse en formato mp3; no caso de televisión, enlace ao vídeo para poder visualizar e descargar o traballo; no caso de fotografía, os arquivos en formato PNG ou JPG da foto e da páxina onde se publicou (PDF), e no caso de traballos en xornais dixitais, arquivos escaneados en PDF e enlace á web na que figura o traballo. 

Para todas as modalidades os participantes achegarán unha declaración asinada polo autor/autores do traballo (en formato PDF), na que certifican a súa autoría e a publicación/emisión da obra presentada a este certame, facendo constar o nome do medio de comunicación e a data na que foi publicada/emitida. Se os traballos se publicaron/emitiron sen asinar ou con pseudónimo, deberá achegarse un certificado do director do medio, no que conste a data de publicación/emisión e o nome do autor/es. 

A participación neste premio periodístico implica a aceptación das bases e quedan excluídos de participar neste certame os funcionarios e o persoal laboral da Deputación de Ourense. Ademais, valorarase de xeito positivo a realización e presentación de traballos en lingua galega. 

Cooperación 

No apartado de cooperación, a Xunta de Goberno aprobou para o Concello de Arnoia unha axuda de 12.679 euros destinada a Arnoia Thermal Sports, correspondente ao ano 2021. Pola súa parte, o Concello de Cortegada recibirá unha axuda de 11.157 euros para o cofinanciamento IDAE 2020: “Proxecto de rehabilitación enerxética do Centro Social Municipal de Cortegada”. Neste mesmo sentido, na reunión aprobouse unha axuda de 6.534 euros para o Concello de Riós para a cofinanciación IDAE 2020 piscina: “Proxecto de instalación solar fotovoltaica destinada á xeración de enerxía eléctrica para autoconsumo na piscina municipal de Riós”. Por último, para a Mancomunidade Intermunicipal Voluntaria Santa Águeda, aprobouse unha axuda de 60.000 euros para o programa de roza, traballos medioambientais e prevención de incendios en 2021.  

Comité COVID-19 

Por outra banda, hoxe tamén tivo lugar a reunión do Comité de seguimento do COVID-19, presidida polo titular da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, xuntanza telemática na que se analizou o desenvolvemento que está a ter o novo escenario laboral dos entes dependentes da Deputación de Ourense desde a entrada en vigor da nova ordenanza de teletraballo, e todo o que atinxe neste sentido aos servizos que se prestan a concellos e veciñanza, dentro desta terceira onda da pandemia. A dita ordenanza establece unha porcentaxe xeral do 50 % das persoas empregadas públicas do ente provincial en réxime de prestación do servicio a distancia ou teletraballo, unha porcentaxe que poderá modificarse por causas motivadas en cada xefatura de servizo.