Presentación telemática do libro "Xavier Prado Lameiro - Legado cultural e social" de Alberto Portela Vázquez acompñado polo presidenta da Deputación Ourense, Manuel Baltar.

 A Deputación de Ourense vén de publicar un novo libro que afonda na historia do que foi o “Universo Nós”, analizado a través do legado cultural e social de Xavier Prado Lameiro, “un intelectual ao que tanto lle debe a ciencia, a música, a cultura e o pensamento político da nosa terra”, afirma o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, quen xunto a Alberto Portela Vázquez, presentou por videoconferencia o libro Xavier Prado Lameiro, legado cultural e social. A obra, editada pola Deputación de Ourense, inclúe pezas teatrais e composicións poéticas inéditas que custodia a sede da Coral de Ruada, institución da que Lameiro foi un dos seus fundadores.  

Baltar afirma que debemos estar “na primeira liña das homenaxes aos bos e xenerosos e Prado Lameiro é un deles, e lembrándoo tamén recordados ao mellor de Nós, porque o seu legado é unha lección de autenticidade e compromiso coa nosa terra”, e engade que este libro “constitúe unha obra esencial para coñecer a personalidade e a traxectoria dun dos grandes de Ourense”. Neste sentido, o presidente do goberno provincial detalla que o libro describe “con datos precisos e rigorosos” o labor de Lameiro como fundador do Colexio de Veterinarios de Ourense, ou a súa etapa como redactor xefe da revista Nós, e como fundador do coro De Ruada e demais tarefas públicas, “que completan a súa actitude a prol da rexeneración económica e social de Galicia”. 

O autor, Alberto Portela (Vigo, 1974), é doutor en Veterinaria pola Universidade de Santiago, académico numerario da Academia de Ciencias Veterinarias de Galicia e presidente da Asociación de Historia Veterinaria Galega. En 2012 gañou o premio de investigación “Carmela Arias” e en 2018 o premio do Consello de Colexios Veterinarios de Castela e León. 

Xavier Prado Lameiro realizou valiosas achegas no campo da veterinaria e colaborou no desenvolvemento agropecuario do noso país. Pero foi a súa faceta de escritor a que lle proporcionou unha gran popularidade e o aplauso do público: xornalista recuperador do Tío Marcos d’a Portela, de Valentín Lamas Carvajal, foi fundador da coral De Ruada, poeta e autor teatral, sendo unha figura que serviu de ponte entre o Rexurdimento ourensán de finais do século XIX e os tempos da Xeración Nós.