O Psdeg-Psoe denuncia que Ourense é á única das sete grandes cidades galegas sen programación de actos do 8m alternativa e adaptada ás restricións pola covid-19

As socialistas foron o único grupo político en pór sobre a mesa unha batería de propostas para a celebración segura do 8M, que o “microgoberno” decidiu “pechar nun caixón”

“Dende hai seis anos, pasamos de ser un Concello referente a nivel autonómico en políticas de igualdade a quedar reducidos á mínima expresión”, lamentan as socialistas

AVANTAR ACTIVIDADES

O PSdeG-PSOEdenuncia que Ourense é a única das sete grandes cidades galegas que carece de programación de actos alternativa e adaptada ás restricións pola Covid-19 con motivo do Día Internacional da Muller.

Neste sentido, as socialistas defenden que foron o único grupo político que puxo sobre a mesa unha batería de propostas para a celebración segura do 8 de marzo no Consello Municipal da Igualdade, entre as que se incluían a posta en valor do Parque 25-N, a reactivación do rueiro das mulleres ou a realización dun mural de graffiti feminista que retratase aquelas mulleres que forman parte da historia da cidade.

“Outras cidades como Pontevedra, Lugo ou Ferrol están levando a cabo programas moi semellantes aos que nós propuxemos, garantindo a seguridade das persoas e sen renunciar á conmemoración dun día histórico para os dereitos das mulleres”, salientou a concelleira Concha García, que lamenta que o “microgoberno” decidise “pechar nun caixón” as iniciativas socialistas, e interpreta a falta de compromiso co Día Internacional da Muller por parte do Concello como un paso máis no “desmantelamento das políticas de igualdade” na cidade. 

Ademais, as socialistas lembran que o “microgoberno” recoñeceu abertamente que este ano non tiña sequera previsto convocar o Premio Clara Campoamor á Igualdade de Oportunidades entre Homes e Mulleres, e que foi precisamente unha iniciativa socialista a que propiciou que este galardón fose finalmente fallado en favor das traballadoras do SAF. 

“Dende hai 6 anos, pasamos de ser un Concello referente a nivel autonómico en políticas de igualdade a quedar reducidos á mínima expresión”, declarou a vicevoceira do grupo, Natalia González. “Estamos gobernados por un executivo formado integramente por homes e somos parte dunha corporación na que, de xeito especial, as mulleres socialistas temos que loitar cada día para colocar a igualdade e o papel da muller na axenda de prioridades da nosa cidade”, concluíu González.