A Xunta inicia o procedemento para a adxudicación de seis vivendas unifamiliares de promoción pública en Cenlle

Trátase de inmobles construídos por sistemas modulares no marco dun proxecto piloto do Instituto Galego da Vivenda e Solo, que investiu na obra máis de 1 M€

Publicidade

A Xunta de Galicia acaba de iniciar o procedemento para a adxudicación de seis novas vivendas de promoción pública (VPP) de tipo unifamiliar no concello de Cenlle, na provincia de Ourense. Trátase das primeiras vivendas protexidas que se constrúen en Galicia por sistemas modulares, no marco dun programa piloto co que se pretende determinar a idoneidade desta forma de construción para pequenas promocións.

As seis VPP construídas en Cenlle, nas que o Instituto Galego da Vivenda e Solo investiu máis de 1 millóns de euros, adxudicaranse mediante sorteo público entre todas as persoas que estean inscritas neste municipio no Rexistro de demandantes de Galicia no momento en que se abriu o procedemento.

Trátase de vivendas unifamiliares, dotadas de tres dormitorios, cociña, salón-comedor, aseo e baño, ademais dun rocho e zona cuberta para aparcamento. A superficie útil de cada unha é de 90,98 metros cadrados.

As seis novas vivendas foron construídas con módulos prefabricados montados na parcela na que se asentan e contan con eficaces instalacións de illamento que permitirán reducir o gasto de calefacción.