Deputación e Fundación “Carlos Velo” reforzan o seu compromiso pola cultura do cine en Ourense

Sintaura do protocolo de colaboración entre a Deputación Ourense e a Fundación Carlos Velo para o cofinanciamento do Festival de Cine Internacional de Ourense (OUFF). Asinana Manuel Baltar (Presidente da Deputación Ourense) e Carmen Leyte Coella (Presidenta da Fundación Carlos Velo):

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e a presidenta da Fundación “Carlos Velo”, Carmen Leyte, asinaron o convenio de colaboración que ámbalas dúas entidades subscriben anualmente para seguir reforzando o seu compromiso a prol da cultura do cinema na provincia de Ourense. Na reunión fixeron balance da incorporación –o ano pasado- da Deputación de Ourense a dita fundación e abordaron as liñas de colaboración futuras, unha das cales é a vindeira edición do Festival de Cine de Ourense (OUFF), que celebrará a súa vindeira 26ª edición do 24 de setembro ao 2 de outubro, “sendo un dos elementos promocionais máis importantes da provincia polo que respecta á cultura audiovisual e tamén no aspecto turístico e mediático”, afirma Manuel Baltar. 

Publicidade

O presidente do goberno provincial salienta que estamos preparados para que, na inminente etapa da pospandemia, Ourense sexa un territorio de grande atracción turística, tendo como canle o AVE e como singularidade a riqueza termal unida ao noso potencial gastronómico, de natureza e patrimonial, ademais da privilexiada situación xeoestratéxica como capital da eurorrexión Galicia-Norte de Portugal”, expresa Baltar. 

O obxecto do acordo asinado entre Deputación de Ourense e Fundación “Carlos Velo” é o cofinanciamento do Festival de Cine de Ourense (OUFF), establecendo as condicións polas que se rexerá a colaboración entre ámbalas dúas entidades. Neste sentido, a Deputación cofinancia o OUFF cunha subvención nominativa en favor da Fundación “Carlos Velo” por importe de 225.000 euros, e pon a disposición da fundación unha oficina no centro cultural “Marcos Valcarcel”, así como o Teatro Principal e Centro Cultural nas datas e horarios que se determinen. Pola súa banda, a fundación organizará o festival e efectuará as contratacións, laborais ou mercantís, que sexan precisas para a organización do evento.