Begoña Rodríguez do grupo socialista acusa á Xunta de prexudicar aos concellos pequenos nas axudas e equipamentos para realizar actividades culturais

Begoña Rodríguez Rumbo denuncia que o PP teña rexeitado hoxe un plan quinquenal para o reequilibro territorial na distribución cultural para o desenvolvemento cultural das zonas menos poboadas

A portavoz de Política Local do Grupo Socialista, Begoña Rodríguez Rumbo, vén de presentar unha proposición non de Lei na Comisión Institucional do Parlamento para reclamarlle á Xunta un plan a cinco anos para o reequilibro territorial na distribución cultural, que foi rexeitada polo PP. Rodríguez Rumbo explicou que esta proposta buscaba reverter a discriminación por parte da Xunta contra os concellos pequenos no eido cultural.

AVANTAR ACTIVIDADES

Sinalou que o goberno galego prexudica aos concellos máis pequenos nos baremos para conceder axudas e equipamentos para realizar actividades culturais, deseñados para “favorecer aos concellos máis grandes. Precisamente os que teñen máis capacidade”. Reclamou que “muden o xeito de facerlle chegar estes fondos aos concellos galegos”, deixando a convocatoria de subvencións concretas para fixar un plan plurianual en función das “necesidades reais”.

A responsable socialista sinalou que a cultura conforma un “piar fundamental para a fixación de poboación” e frear a “sangría demográfica” do interior de Galicia que “ata o momento o goberno de Feijóo non foi quen de parar, nin sequera de freala”. Advertiu que “de seguir coas mesmas receitas e as mesmas medidas, os resultados que van obter serán os mesmos”.

Sangría demográfica

Sinalou neste sentido que dende a chegada de Feijóo ao goberno galego en 2009, Galicia ten 94.270 habitantes menos, e 257.000 persoas menores de 40 anos, ademais dunha das peores taxas de saldo vexetativo do Estado, cun -6,53. Reivindicou neste sentido medidas eficaces para que os concellos, sinaladamente os rurais, poidan contar cos recursos axeitados, en lugar de estar como agora asfixiados por ter que financiar recursos que son competencia da Xunta.

Sinalou que “cada semana nos vemos obrigados a traer algunha iniciativa para evitar o peche dalgunha escola no rural, a mellora da atención primaria fronte á falla de persoal e servizos polos recortes do PP, a escaseza de prazas públicas nos centros residenciais e de día, insuficiente financiamento para o servizo de axuda no fogar, o adiamento da conectividade no territorio ou o desleixo na política industrial”.


proposición non de lei para o seu debate na Comisión 1

O 16 de xuño de 2021 a Consellería de Cultura, Educación e Universidade a Orde do 31
de maio de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en
réxime de concorrencia competitiva, de subvencións a entidades locais de Galicia, para
o equipamento e mellora das instalacións e locais utilizados para a realización de
actividades culturais, e se procede á súa convocatoria para o ano 2021 cunha dotación
orzamentaria de 500.000 €.
Na propia exposición de motivos establécese que a “Consellería de Cultura, Educación
e Universidade, dentro da súa aposta pola dinamización cultural do país, considera
necesaria a mellora das condicións de equipamento e a mellora das condicións técnicas
dos locais destas entidades co fin de abrir as súas ofertas culturais aos novos campos da
cultura; co obxecto de facilitar o reequilibrio territorial na distribución cultural e tratar
de contribuír ao desenvolvemento cultural das zonas menos poboadas, a Consellería
aposta por apoiar aquelas entidades menos poboadas de xeito que toda a cidadanía teña
as mesmas oportunidades de acceso á cultura”,
Por iso, o Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia, presenta a seguinte
proposición non de lei:
O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia para que elabore, en
colaboración coa Federación Galega de Municipios e Provincias, un inventario
dos locais utilizados polos concellos galegos rurais para a realización de
actividades culturais, así como dos equipamentos cos que contan, co fin de
elaborar un plan a cinco anos que facilite o reequilibrio territorial na distribución
cultural e tratar de contribuír ao desenvolvemento cultural das zonas menos
poboadas.