“O país das bandas” chega esta fin de semana a Arnoia, Melón e Cortegada

IES CHAMOSO LAMAS

Os concellos de Melón, Cortegada e A Arnoia acollen mañá sábado senllos concertos do ciclo O País das Bandas, promovido pola Xunta en colaboración coa Federación Galega de Bandas de Música Populares no marco da programación cultural do Xacobeo 21-22. As actuacións serán a cargo da Banda de Música Unión de Guláns e a Banda Artística de Arcade, procedentes dos concellos pontevedreses de Ponteareas e de Soutomaior, respectivamente, e da Banda de Música Municipal de Silleda.

Así, a Banda de Música Unión de Guláns actuará ás 18,45 horas na Praza da Igrexa de Quins, en Melón. No caso de choiva, o concerto trasladarase ao pavillón de Quins. Cos seus inicios na década de 1870, é unha das formacións máis antigas de Galicia, con José Carracedo Domínguez como fundador.

Actualmente suma arredor de 50 compoñentes, que tamén se forman na escola de música. Baixo a batuta de Alicia Porto Fernández, mañá interpretará as pezas Saludo a Lugo, La pícara molinera, O fatoeiro, Pops in the spots e Abba gold. Soarán tamén Ganade, Sway, Os Tamara, Feiticeira e Namoriqueira.

Concertos en Cortegada e A Arnoia

Ás 19,00 horas será a quenda da Banda Artística de Arcade, que estará en Cortegada, co repertorio Siete rosas, Airiños aires, La leyenda del beso, La del soto del parral e Lalín. Completan o programa Rumba para Susi, Namoriqueira, Puenteareas e O Carrizo. Esta formación fundada en 1868 da man de Antonio Perdiz, conta cunha escola de música desde o ano 2000 e cunha banda xuvenil desde 2005. O seu actual director é Iván Maia Boullosa.

Finalmente, o concerto da Banda de Música Municipal de Silleda terá lugar ás 19,30 horas nos xardíns do balneario da Arnoia. En caso de choiva, trasladarase ao pavillón da Queixeira. Alí soarán Puenteareas, Rapsodia gallega Nº 2, Suite Galaica, que inclúe Amencer na montaña, Samhain e Danza gaélica. Interpretará tamén Camiños, A lenda de Montelongo, A xota de Nicolás e a Muiñeira dos pendellos. Fundada en 1888, o seu director actual é Rafael Agulló Albors. Con máis de 400 socios e unha escola de música con 187 alumnos, a formación realiza un importante labor social, cultural e educativo.

SPORTUR GALICIA 2022

O País das Bandas arrincou o pasado 1 de xullo e percorrerá Galicia ata o 30 de setembro con case un cento de concertos a cargo de 77 agrupacións que suman máis de 3600 músicos. O obxectivo é impulsar a recuperación da actividade das bandas na Comunidade, como grandes depositarias da tradición  musical galega.

A iniciativa desenvólvese ao abeiro do acordo asinado o pasado maio entre a Consellería de Cultura, Educación e Universidade e a Federación de Bandas, mediante o que a Xunta cuadriplicou a súa colaboración con este colectivo, cunha achega de 400.000 euros.