Terras do Carballiño e os seus escritores ( VIII) : “Xosé Manoel Rodríguez”

Miguel Anxo Fernández Fernández: Escritor, crítico de cine , historiador e Doutor en Comunicación Audiovisual


Xosé Manoel Rodríguez (O Carballiño ).

AVANTAR ACTIVIDADES

Actualmente xornalista de La Voz de Galicia na súa delegación de Ourense, e moi vinculado á animación cultural. Publicou as primeiras páxinas literarias en revistas como Coordenadas e Raigame, ademais de xornais como Faro de Ourense, e A Nosa Terra, entre outros, colaborando tamén na Radio Galega.

Durante un semestre de 1989, foi animador cultural do Concello do Carballiño, e nesa etapa promovéronse iniciativas como a incorporación da vila ao circuíto do Outono Fotográfico, o nacemento da Asociación Fotográfica O Potiños, a creación da imaxe de marca para o departamento de Cultura, ou a concesión da licencia para a emisora municipal do Carballiño, entre outras moitas.

Foi membro da directiva do cine club Carballiño nos anos 80 e parte dos 90, estando tamén vinculado ás Xociviga dese tempo, para retomalas na pasada década do presente século xunto a Carlos Rodríguez Calvo e outros antigos directivos do cine club. En 1988 comezou a escribir no xornal La Voz de Galicia, medio no que aínda permanece desde o ano seguinte, mesmo exercendo de delegado da edición O Carballiño-O Ribeiro durante un tempo.

Pertence ás fundacións Antón Losada Diéguez e Carlos Velo, e como membro desta última, forma parte do equipo organizador do Ourense Film Festival dende 2018. Foi comisario de numerosas exposicións e especializase na fotografía histórica e na súa recuperación, eido no que centra boa parte das súas publicacións.

Colaborou na monografía “As feiras do Rizo” (Xociviga, 1989), arredor do popular fotógrafo, Xosé Vázquez Arias, O Rizo, dunha parroquia de Castro Caldelas, que entre os anos 40 aos 70, visitaba con frecuencia a vila do Arenteiro para desenvolver o seu labor.

A súa seguinte monografía, xa en solitario, foi “Ramón Godás. Fotógrafo e impresor” (Xociviga, 1993), coa que recuperou a un dos grandes fotógrafos ourensáns (ademais de impresor) da primeira metade do século XX, nado nunha aldea de Astureses (Boborás), trazándolle un completo perfil biográfico, poñendo en valor a súa figura no contexto da historia da fotografía galega, engadindo que “case se podería asegurar que a memoria de Ramón Godás quedou exortizada no lume bárbaro e ignorante que puxo fin ós seus arquivos e publicacións”.

En 1995 publicou “Antón Losada Diéguez. Dez anos dun premio” (Concello do Carballiño, 1995). Outro dos seus proxectos vinculados ás Xornadas de Cine e Vídeo en Galicia, foi un libro de recuperación das imaxes da memoria da vila, “O Carballiño 1869-1979. Álbum fotográfico da vila do Arenteiro” (Deputación de Ourense, 2010), testemuña dunha paciente pescuda en arquivos privados á parte dos fondos propios.

Pecha a súa produción bibliográfica “A derradeira viaxe a Galiza. Carlos Velo nas Xociviga de 1985 do Carballiño” (2018, Fundación Carlos Velo), recollendo a memoria gráfica xerada pola estadía do cineasta de Cartelle na vila carballiñesa, durante a homenaxe que se lle dedicou en 1985. Volume dun valor histórico-documental de primeira orde, recolle algúns artigos arredor do persoeiro e daquelas datas vividas con tanta intensidade por Velo, e unha ampla reportaxe fotográfica que daquela realizaron os irmáns Alfonso e Francisco Fumega, actual alcalde da vila.



Outros artigos de Miguel Anxo Fernández Fernández

Terras do Carballiño e os seus escritores ( VII) : “Ismael González Díaz”

Terras do Carballiño e os seus escritores ( VI) : “Víctor Campio Pereira”

Terras do Carballiño e os seus escritores ( V) : “Ánxel Sevillano García “

Terras do Carballiño e os seus escritores ( IV) : “Antón Losada Diéguez”

O Carballiño e os seus escritores ( III) : ” Benxamín Vázquez González “

O Carballiño e os seus escritores ( II) : ” Xosé Fariña Jamardo “

Terras do Carballiño e os seus escritores ( I) : ” Aurelio Miras Azor “