Unha mostra revisa as memorias e ritmos do rural galego, en Afundación Ourense

O proxecto expositivo da Obra Social de ABANCA conxuga fotografía, audiovisual, poesía e música nunha reflexión sobre rural galego, coordinada polo director, guionista e produtor Aser Álvarez

I É a primeira mostra en abordar os fondos galegos catalogados polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación

AVANTAR ACTIVIDADES

Afundación, a Obra Social de ABANCA, presenta mañá, mércores 9 de febreiro, ás 11.00 h, na súa Sala de Exposicións de Ourense un proxecto expositivo interdisciplinar mediante o que reflexiona sobre as formas de vida vencelladas ao rural galego, a súa iconografía e a súa presenza na cultura contemporánea. Da man de Aser Álvarez, director, guionista e produtor galego, «A vida lenta. Memorias e ritmos do rural galego», conxuga fotografías, pezas audiovisuais, poesía e música nun evento pensado como recoñecemento a unha realidade esencial para a conformación da identidade en Galicia. Na inauguración de mañá estarán Paloma Vela, coordinadora adxunta da Área de Cultura de Afundación, e Aser Álvarez, guionista e produtor, quen conducirá a visita guiada prevista para as 19.00 h e cuxa inscrición se pode formalizar neste formulario.

A exposición conta con valiosos fondos documentais fotográficos e cinematográficos desde 1930 ata finais do século XX: a colección de Jaume Lloveras e Juan Piñeiro Andión (1978-1986), o arquivo do fotógrafo lugués Carlos Valcárcel e os Fondos Fotográficos do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación. Todos eles, acompáñanse de versos creados por algúns dos poetas gañadores do Premio de Poesía Afundación, como Olalla Cociña, Miguel Sande, Gonzalo Hermo e Oriana Méndez, co obxectivo de reflexionar sobre a presenza do rural na cultura contemporánea. A banda sonora da mostra, unha creación de Moisés Quintás, recrea o chiar dos carros, o ouvear dos lobos, o xirar das rodas de muíño ou o cravuñar das gadañas.

Con esta iniciativa, Galicia convértese na primeira comunidade de España en abordar unha exposición monográfica cos fondos catalogados polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación.

EventoPresentación da exposición «A vida lenta. Memorias e ritmos do rural galego»
LugarSala de Exposicións Afundación Ourense
Data e horaMércores, 9 de febreiro ás 11.00 h
AsistentesAser Álvarez, comisario da mostra Paloma Vela, coordinadora adxunta da Área de Cultura de Afundación