Cenlle abrirá a área recreativa e termal de Barbantes mañá, día 13

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, visitou hoxe a Área Termal de Cenlle ante a inminente apertura ao público, que terá lugar mañá día 13 de abril. Abrirá durante toda a Semana Santa e os fins de semana, ata o 31 de maio, o horario de apertura será de 13:00 a 20:00 horas. A partir de xuño, abrirá tódolos días da semana.

Gabriel Alén destacou que Cenlle acolleuse ás axudas da administración galega para a adecuación de zonas termais de uso recreativo, nas que se destina unha cifra total dun millón de euros para o arranxo de todas elas.

AVANTAR ACTIVIDADES

O concello de Cenlle acometeu ó rematar o pasado verán varias melloras nesta zona recreativa acolléndose a estas axudas e volverán a solicitalas na nova convocatoria, mellorando a cada paso este espazo.

Pola súa banda, o alcalde destacou a proposta municipal por potenciar esta área, asegurando que están a traballar nunha mellor conexión con Ourense por medio do autobús.

Este complexo esta composto por tres piscinas hipotermais de entre 21 e 26 grados centígrados, dependendo da época do ano e das condicións meteorolóxicas. Dispón dun servizo de cafetería e con varias rutas de sendeirismo nos arredores, tamén co primeiro circuíto permanente de orientación deportiva de Galicia.