O Psdeg Psoe impulsa a declaración do edificio da primeira cooperativa Vitivinícola de Galicia

O PSdeG-PSOE impulsa a declaración das instalacións da primeira cooperativa vitivinícola de Galicia, localizada no concello ourensán de Leiro, como patrimonio industrial. Os e as socialistas queren que esta edificación inaugurada en 1952, pero que estende as súas orixes ata a pasada década dos anos trinta, teña os niveis de “protección, conservación e
difusión” que garante a Lei do Patrimonio Cultural de Galicia.
“Queremos que este recoñecemento legal sirva para a súa posta en valor e
protección, así como para a investigación, valorización e transmisión da súa
historia ás xeracións presentes e futuras”, destacan desde o PSOE. A iniciativa
que se debaterá no pleno da Deputación Provincial de abril, reclama á Xunta
iniciar os trámites ou negociacións para declarar as instalacións como
patrimonio industrial ao amparo da Lei 5/2016.
Igualmente insta á Deputación e ao Concello de Leiro a “impulsar un proxecto
de rehabilitación integral do edificio e a súa contorna, cun uso parcial para
actividades culturais e educativas durante todo o ano, excepto durante a
vendima”. A moción tamén promove un proxecto de cooperación coa Facultade
de Historia do Campus de Ourense para “documentar, entre os veciños e
veciñas das parroquias implicadas na creación desta adega, a súa historia cotiá
mediante fotografías, testemuñas ou obxectos que poidan ser expostos nunha
sala da edificación”.
Desde a contorna da edificación, o grupo provincial socialista acompañado do
voceiro en Leiro e do secretario provincial de migracións, defendeu hoxe que “a
valorización de noso patrimonio, tamén do industrial, ten que servir como
ferramenta de cohesión social e fundamento da identidade cultural do pobo
galego”. A propia normativa autonómica recorda a importancia de “considerar
como bens de interese estas obras industriais para a permanencia,
recoñecemento e identidade da cultura galega a través do tempo”. Por iso cren
“fundamental” sumar esta edificación ao “noso patrimonio senlleiro”, unha
decisión que “deben asumir Xunta e Deputación conxuntamente”.
As primeiras noticias para crear unha cooperativa en Leiro, na comarca
vitivinícola máis antiga de Galicia, atopámola na prensa do 23 de abril de 1935
concretamente no diario El Pueblo Gallego. Pero o primeiro paso dáse
posteriormente, en decembro de 1934, cando o Concello de Leiro cede ao
‘Sindicato Comarcal Ribeiro do Avia’ un campo experimental agrícola co apoio,
entre outros, do exvicepresidente da Deputación, José Torres Pintos.
“O mercado do viño era moi preocupante nos anos trinta do pasado século, xa
que non se vendía, os prezos non cubrían os custes do cultivo e mesmo se
estudou a posibilidade de arrincar as vides para plantar tabaco neses terreos”,
explican desde o PSdeG-PSOE antes de recordar como en 1936 trataron de
formalizar a cooperativa, cunha axuda económica da Junta Nacional del Paro
destinada a súa construción.


“O golpe de estado de Francisco Franco e a posterior guerra, paralizaron o
proxecto ata case dúas décadas despois”, recordan. No 1952, os viticultores das
zonas situadas ás beiras do río Avia agrúpanse para por en marcha a
cooperativa, construíndo en San Pedro a ‘Adega Cooperativa Sindical do Ribeiro
do Avia’. A obra correu a cargo do enxeñeiro industrial de Logroño, Estanislao
López Romero, sendo inaugurada en 1953. Logo, a Cooperativa Nosa Señora do
Portal do Ribadavia acordou en 1968 a súa fusión coa Cooperativa de Leiro,
sendo o primeiro presidente da entidade fusionada, Eulogio Gómez Franqueira.
“Actualmente o edificio, unha construción industrial singular, atópase sen uso,
polo que consideramos importante o recoñecemento para a súa conservación”,
aseveran os e as socialistas. Na actualidade, Galicia conta con máis de medio
millar de bens de patrimonio industrial (fábricas de cerámica, muíños, minas,
fábricas de salazón ou conservas, etc.) mais aínda se está a traballar para
rematar a súa catalogación, segundo a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.
Ademais, desde o PSOE ourensán defenden que esta actuación permitiría
impulsar o “turismo industrial” nesta zona da provincia, un sector “actualmente
está en alza” que “chegou tarde a Galicia”. “Sería unha proposta perfectamente
combinable coas experiencias de enoturismo xa existentes na comarca, así
como con outros plans gastronómicos, artísticos ou culturais”, conclúen.

AVANTAR ACTIVIDADES