O delegado territorial da Xunta visita o concello de Oímbra para supervisar actuacións da orde de infraestructuras turísticas

  • Gabriel Alén lembrou que a Xunta destina nesta edición un millón de euros a concellos de ata 10.000 habitantes para actuacións de mellora nas súas infraestruturas turísticas
  • O importe máximo de subvención que se abonará a cada concello beneficiario será do 100%, cunha contía máxima de 30.000 euros
  • Esta orde financia tamén a posta en valor turístico dos recursos dos municipios beneficiarios a través da súa rehabilitación ou restauración para dedicalos a usos turísticos, así como coa recuperación de elementos etnográficos ou da arquitectura tradicional

Ourense, 21 de abril de 2022.- O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén,  desprazouse esta mañá ao concello de Oímbra para, da man da súa alcaldesa, Ana Villarino, supervisar a recuperación  dun forno tradicional de interese etnográfico en Bousés no que a Vicepresidencia primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo investiu 30.000 euros na súa rehabilitación ao abeiro das achegas da orde de Infraestruturas Turísticas de 2021.

A continuación, visitaron o núcleo de Vidaferre, para coñecer o proxecto de humanización da Praza Casa da Inquisición, por un importe concedido de 30.000 euros con cargo á mesma orde na edición de 2022, e que aínda non comezou a súa execución.

AVANTAR ACTIVIDADES

O delegado territorial destacou que estas actuacións son unha mostra máis da aposta transversal da Xunta de Galicia polo turismo, “xa que actuamos en cuestións estratéxicas e de calado e tamén naquelas máis sinxelas, pero que contribúen ao embelecemento e que son moi valoradas polos visitantes”.

Gabriel Alén lembrou que a Xunta destina 1 millón de euros a concellos de ata 10.000 habitantes para actuacións de mellora nas súas infraestruturas turísticas. A orde ten como obxectivo fomentar a recuperación, a accesibilidade e a sinalización dos recursos turísticos destes municipios para consolidar a oferta turística nas zonas rurais a través da posta en valor da súa riqueza histórica, cultural, patrimonial e paisaxística.

Esta orde financia tamén a posta en valor turístico dos recursos dos municipios beneficiarios a través da súa rehabilitación ou restauración para dedicalos a usos turísticos, así como coa recuperación de elementos etnográficos ou da arquitectura tradicional. Ademais, apoia a mellora da accesibilidade a estes recursos coa eliminación de barreiras arquitectónicas e da súa sinalización con elementos integrados de forma respectuosa coa contorna.

O importe máximo de subvención que se abonará a cada concello de ata 10.000 habitantes beneficiario será do 100%, cunha contía máxima de 30.000 euros, no marco do Plan Camiña, orientado á posta en valor da riqueza histórica, cultural, patrimonial e paisaxística destes municipios con accións de embelecemento, accesos, iluminación ornamental, recuperación e creación de miradoiros, sendeiros e rutas, espazos de estacionamento de vehículos e incluso a mellora de Bens de Interese Cultural (BIC).